Search
Close this search box.

O Concello achega unha programación especial de cara a ‘A Noite dos Calacús’ con numerosas actividades para todos os públicos e unha procesión de ánimas o 31 de outubro

A fin de semana do 26 e 27 de outubro botarán a andas as actividades coa primeira sesión do ‘Obradoiro de Pantasmas e disfraces de Ánimas’ e visitas guiadas ao cemiterio de Santo Amaro para público familiar e adulto

Entre o 29 e o 31 de outubro as panadarías Acuña, Amásame, Pumper, Landín, Xeve, A Devesa e Solla elaborarán Pan de Ánimas co ánimo de recuperar esta tradición senlleira  da cultura galega.

O xoves 31 será o día grande no Mercado con música ambiente e postos de comida e bebida a partir das 16.30h. e numerosos obradoiros de maquillaxe, disfraces, cociña, tallado de calacús ou colares de zonchos, que requiren inscrición previa seguindo as instrucións e prazos que figuran no programa

As 21h. a Procesión das Ánimas percorrerá o Centro Histórico coa participación da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra e música a cargo de Adarve. O Concello convida a cidadanía a participar caracterizada no pasarrúas.

Á 21.30h. a actividade regresa ao Mercado con música da man de Señora DJ e postos de comida e bebida ata as 00.00h.

Entre o 1 e o 3 de novembro en horario ininterrompido de 11 a 21h. terá lugar O Mercado de Samaín, con artesanía, alimentación, xogos artesáns. Contacontos e obradoiros infantís.


O Concello de Pontevedra achegará unha programación especial de cara á  ‘Noite dos Calacús’, que botará a andar o sábado 26 e rematará o 3 de novembro.  O edil de Cultura e Festas, Demetrio Gómez anunciaba que : “Temos por diante non unha noite de medo, senón unha semana de medo. A partir desta finde semana comezamos a programación do Samaín, e acompáñanme todas estas persoas porque vai estar media Pontevedra implicada e traballando para que isto saia ben e fáltanos que a outra media Pontevedra participe nas actividades. Recuperamos a tradición dos nosos avós e o día 31 imos ter a Procesión das Ánimas. Queremos convidar a todos os pontevedresese e pontevedresas a acompañarnos polas rúas de Pontevedra acompañado da Aula Municiapal de Teatro e música de Adarve. O sábado 26 temos xa o primeiro obradoiro no Mercado para facer disfraces para a procesión das Ánimas e o domingo 27 visitas guiadas ao cemiterio de San Mauro pola mañá para público familiar e pola tare, adulto. Tamén varias panadarías de Pontevedra van recuperar o Pan de ánimas con diferentes versión e Amásame, Pumper, Acuña Xeve, A Devesa e Solla estarán nos obtradoiros traballando para vender este bolo tan rico entre o 29 e o 31 de outubro.,

O día 31 temos a grandísima festa no Mercado, con postos de comida e bebida, tren de castañas e obradoiros de tallado de calacús, cociña de defuntos, contos de medo e arrepíos. Imos aprender a facer os colares de zonchos que é unha tradición galega que hai que recuperar e tamén disfraces de ánimas para poder acompañar a procesión que percorrerá o Casco Historíco para regresar ao Mercado e continuar a festa con Señora Dj.

Temos un programa completísimo para pasar a semana do Samaín. Nós somos o motor que coordina pero estas cosuas son posibles porque estamos nunha cidade viva, con moita xente disposta a participar e este ano demos un paso adiante con respecto a anos anteriores con esta programación.”

En representación das panaderáias implicadas, Dani de Amásame Bakery, comentou que “tirando do traballo de antrópologos quixen facer algo que existe noutras cultura como o pan e morto mexicano pero adaptado ao que temos aquí: cabaza e castañas, empregando como gaxa a manteiga cocida de vaca”. No seu casou, optou por unha receita doce que os xornalistas puideron degustar e prometeu facer pública a receita. Cada obrador optará por unha receta propia, salgada ou doce.

Actividades Previas

Sábado 26 de outubro

Obradoiro de pantasmas e disfraces de ánimas (para a procesión das á ánimas do 31 de outubro)

Nunha celebración tan especial como A NOITE DOS CALACÚS non poden faltar as ánimas cara ao purgatorio. Por iso vos propoñemos facer con nós un disfrace de pantasma para a noite do 31. Nota: Aínda que a actividade conta con todo o material necesario para a súa realización (bolsas de plástico), tedes a opción de traer as vosas propias sabas ou teas brancas para a elaboración do disfrace.

Horarios das quendas: ás 17.00 h e ás 18.15h. Participantes: familias con cativada a partir de 4 anos .

N.º de prazas por quenda: 16 Espazo O GANAPÁN. O Mercado.

É necesaria inscrición previa en: oganapan@gmail.com *Abrirase o prazo de inscrición o 23 de outubro ás 17.00 h

Domingo 27 de outubro

Visitas guiadas ao cemiterio de Santo Amaro da man de Polo Correo do Vento

12.00 h Cemiterio de Santo Amaro “A Pontevedra do alén“. Roteiro no cemiterio de Santo Amaro dirixido ao público INFANTIL E FAMILIAR para coñecer, de xeito divertido, misterios, aventuras e historias descoñecidas deste espazo senlleiro.

18.00 h Cemiterio de Santo Amaro “A Pontevedra do alén“. Roteiro lúdico no cemiterio de Santo Amaro dirixido ao público ADULTO, para coñecer in situ a historia senlleira do lugar e das persoas que descansan no camposanto pontevedrés.

Do 29 ao 31  de outubro,

Pan de Ánimas

Antigamente en Galicia, na noite de Defuntos existía o costume de deixar anacos de pan na mesa para que comesen as ánimas. Esta tradición considérase que vén da crenza ancestral de que os defuntos levan consigo pan para axudarlles na viaxe ao alén. Sexa para axudar as ánimas ou para deleitar os vivos, queremos recuperar esta tradición senlleira da nosa cultura que está a piques de desaparecer. Anímate a probar a receita especial de Pan de Ánimas nos seguintes establecementos:

Acuña (Rúa Andrés Muruais, rúa Michelena, 32, rúa Benito Corbal, 1)

Amásame Bakery Lab (Rúa Castelao, 6 e Praza dos Maios)

Pumper   (Rúa Sagasta, 22, rúa Gutiérrez Mellado, 4)

Landín (Rúa Frei Xoán de Navarrete, 11, rúa Michelena, 40)

Xeve (Rúa Peregrina, 22, rúa Benito Corbal, 38, rúa San Antoniño, 1, rúa Echegaray, 41, rúa Rosalía de Castro, 12)

A Devesa (Rúa Marqués de Riestra, 38, rúa Loureiro Crespo, 4)

Solla (Rúa Michelena, 7)

Xoves 31 de outubro

Para todos os públicos: música ambiente e postos de comida e bebida en O Mercado de 16.30h. a 20.00h.

Obradoiro de Cociña de Defuntos – Biscoito de Cabaza.

As cabazas son o froito por excelencia desta noite de ánimas, serven para facer farois cos que guiar os espíritos que volven do alén e tamén para elaborar saborosas sobremesas. Animádesvos cunha receita especial?

Horario: de 16.30 h a 17.30h.

Dirixido a nenas e nenos de 4 a 8 anos.

N.º de prazas: 15. Espazo: O Ganapán.  É necesaria inscrición previa en: oganapan@gmail.com *Abrirase o prazo de inscrición o 27 de outubro ás 17.00 h

Obradoiros de Colares de Zonchos.

Zoncho é a palabra galega que nomea as castañas cocidas. Neste obradoiro non as imos papar, pero prepararemos uns colares moi especiais, seguindo unha tradición galega única que queremos recuperar. Xa o dicía a nosa Rosalía: Has de cantar, que che hei de dar zonchos; has de cantar, que che hei de dar moitos…

Horario: de 17.45h. a 18.45h. e de 19.00h. a 20.00h.

Dirixido a crianzas de máis de 6 anos acompañadas dunha persoa adulta (máximo dunha persoa adulta por cada “peque”).

N.º de prazas: 16. Espazo: O Ganapán. É necesaria inscrición previa en: oganapan@gmail.com *Abrirase o prazo de inscrición o 27 de outubro ás 17.00h.

Postos de maquillaxe para a Procesión das Ánimas.

O outfit ideal de defuntos require dunha maquillaxe acaída. Por iso ofrecemos dous recantos onde pintar a cara como corresponde á vestimenta da Procesión das Ánimas, un desfile abraiante para a noite máis tenebrosa do ano.

Horario: de 16.30h. a 19.00h.h. Espazo: Antiga Lonxa, primeiro andar. O Mercado.

Dirixido a todos os públicos (a rapazada deberá estar acompañada sempre dunha persoa adulta). Sen inscrición previa. Por orde de chegada.

Obradoiro de pantasmas e disfraces de ánimas (para a procesión das á ánimas do 31 de outubro)

Nunha celebración tan especial como A NOITE DOS CALACÚS non poden faltar as ánimas cara ao purgatorio. Por iso vos propoñemos facer con nós un disfrace de pantasma para a noite do 31. Nota: Aínda que a actividade conta con todo o material necesario para a súa realización (bolsas de plástico), tedes a opción de traer as vosas propias sabas ou teas brancas para a elaboración do disfrace.

Horarios das quendas: ás 17.00 h e ás 18.15 h

Participantes: familias con nenas e nenos a partir de 4 anos. N.º de prazas por quenda: 16 Espazo Crea do GANAPÁN. O Mercado.

É necesaria inscrición previa en: oganapan@gmail.com *Abrirase o prazo de inscrición o 27 de outubro ás 17.00 h

Obradoiro de Tallado de Calacús

Se aínda non tedes preparado un calacú, estades a tempo de tallar a vosa propia cabaza con nós! Será perfecta para alumear na noite e acompañar as ánimas. Seguro que tedes ideas ben orixinais e terrorificamente creativas!

Obradoiro: Ventos. Horario: de 16.30h. a 20.00h.

Dirixido a todos os públicos sen inscrición previa. Por orde de chegada.

Contos de medo e arrepíos. (V de minúsculas)

 “Contos do candil”. Achegádevos a escoitar contos de pantasmas, de esqueletos e da Compaña, poderedes voar coas curuxas e rodar dentro dunha cabaza nesta Noite dos Calacús! Contos contados e cantados para pasalo de medo en familia.

Horarios das contadas: ás 17.00h, ás 18.00h. e ás 19.00h.

Dirixido a público familiar. Espazo: antigo Bar Praza –  O Mercado

Sen inscrición previa. Por orde de chegada.

Concerto de música terrorífica

Banda de Música de Pontevedra – O Mercado   – 20.00h.

Procesión das Ánimas

21.00h. polo Centro Histórico de Pontevedra con saída desde O Mercado.

A morte e a vida unidas por un fío indivisible. Con “A Noite dos Calacús” apostamos por recuperar os ritos e tradicións galegas da noite de defuntos; buscar os nosos referentes, que os hai e moi ricos e variados, fronte á invasión de tradicións anglosaxoas que pouco teñen que ver coa nosa identidade. Unha delas é a Procesión das Ánimas, coñecida actualmente co nome cristianizado da Santa Compaña, que segundo as zonas era coñecida popularmente como Compaña, Estantiga, Enxamio, Estadea, Roldiña, Antaruxada… Unha procesión silandeira que auguraba a morte e que agochaba o perigo de facer que quen se cruzase con ela acabase encabezando o desfile de defuntos. Recuperamos, para o lecer e para arredar o medo a morrer, esta tradición ancestral percorrendo as rúas do centro histórico

Animámosvos a participar, con sabas, camisóns, roupas brancas, disfraces de pantasma… e a decorar rúas e balcóns, fiestras e portas, tendas e escaparates coa temática das nosas tradicións: cabazas, candeas, castañas, mortos, pantasmas, defuntos, ánimas, teas de arañas, esqueletos, corvos, curuxas, mouchos…

Percorrido: do Mercado á Ferraría, pola rúa Real, praza de Curros Enríquez e Soportais. Da Ferraría ao Mercado, pola rúa Conde de San Román, praza da Verdura e rúas Padre Sarmiento e César Boente. Coa participación da Aula Municipal de Teatro de Pontevedra. Música a cargo de Adarve.

*Para a procesión vaise reducir a iluminación das rúas polas que pasa e a música de ultratumba acompañará as ánimas. Trae a túa propia candea!

Festa da Noite dos Calacús

De 21.30h. a 00.00h. no primeiro andar do Mercado con Señora DJ. Postos de comida e bebida.

Do 1 ao 3 de Novembro  

Mercado de Samaín  no primeiro andar do Mercado.

Venres 1, de 11.00h. a 21.0 h.

Sábado 2, de 10.00h. a 21.00h.

Domingo 3, de 11.00h. a 21.00h.

Alimentación. Artesanía. Xogos artesáns. Photocall. Contacontos. Obradoiros infantís. Recanto de xogos educativos e Photocall en horario ininterrompido.

Compartir publicación: