O rexedor da cidade de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sinala que os documentos publicados pola administración autonómica recollen «proxectos demandados polo Concello de xeito histórico», coma o dragado da ría, a creación da variante de Alba ou a ampliación do Campiño
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu este luns, 21 de outubro, en rolda de prensa para ofrecer unha valoración dos orzamentos da Xunta de Galiza anunciados o pasado fin de semana.
O rexedor da Boa Vila quixo partir dunha premisa de entender estes orzamentos como uns orzamentos «con sombras e con luces». «Como sabemos, os orzamentos son un conxunto de documentos que aparecen cada ano e cuxas partidas poden volver saír logo de xeito indefinido, e ir aparecendo en anos sucesivos, como é o dragado do ría, que leva moito tempo nesta situación, pero xa veremos se se executa ou non».
Fernández Lores amosou a súa preocupación polo que definiu como «sombras» dentro dos orzamentos presentados pola Xunta, como é que a maior parte das partidas sexan de servizos públicos (Sanidade, Servizos Sociais e Educación recollen máis dun 70 % dos investimentos previstos), «e non hai grandes avances nestas áreas». «Preocúpame como alcalde, como médico e como cidadán a situación da sanidade en xeral, sobre todo da atención primaria, da saúde mental e das enormes listas de espera na atención especializada. Non podo valorar positivamente esta parte, pois seguimos sen novidades neste aspecto, desmantelándose a sanidade pública».
Respecto a Benestar social, o alcalde quixo lembrar que os Concellos seguen asumindo certas funcións que non lles deberían corresponder, como pode ser o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), condicionando os seus financiamentos.
«Tamén me prestaría que constase un detalle sobre os Premios Feroz», sinalou. «Desde que logramos traer este evento a Pontevedra demandamos ao presidente que a Xunta de involucrase participando nunha das citas culturais máis importantes para os anos 2025 e 2026. Agardo, de xeito sincero, que modifiquen a súa posición e que a Xunta non quede atrás ao respecto destes Premios Feroz; e siga o camiño de mudar a súa opinión como fixo coa variante de Alba, a ampliación do Campiño ou a mellora da estrada vella de Marín».
Doutra banda, o rexedor pontevedrés quixo subliñar que entre os asuntos que poderá considerar «luces» dentro dos orzamentos, na súa parte de investimentos, a recollida de asuntos impulsados historicamente polo Concello de Pontevedra, e que foron trasladados ao presidente da Xunta de Galiza no seu último encontro, como a nomeada variante de Alba —desaparecida dos orzamentos desde o ano 2006—, unha partida para a ampliación do Campiño —que foi no seu día negada pola Xunta—, o saneamento de Mollavao ou construción de vivenda social no barrio de Valdecorvos. Alén destes asuntos, Fernández Lores tamén agarda ver o remate do Hospital de Montecelo.