Search
Close this search box.

Pontevedra repetirá como sede da Gran Final das Series Mundiais no ano 2026 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, considera o feito un fito e o máximo exemplo da «capacidade organizadora» para acoller este tipo de citas internacionais
A World Triathlon escolleu a candidatura de Pontevedra por unanimidade, lembrando a exitosa e boa pegada que a Boa Vila deixou nas participantes da proba 

A cidade de Pontevedra volverá ser o epicentro mundial do triatlón no ano 2026. A vila do Lérez acollerá por segunda vez na súa historia unha nova Gran Final das Series Mundiais de Triatlón (ningunha cidade repetira até o de agora).

A World Triathlon fixo pública a súa decisión de darlle a Pontevedra a responsabilidade de acoller o seu maior evento anual. Un intre histórico para a cidade e un intre histórico para a súa veciñanza, que de novo será partícipe da maior e mellor competición de triatlón que existe. Segundo as previsións que se barallan, o máis probábel é que se celebrase a finais do mes de setembro.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalou que «Pontevedra non pode ser estar máis orgullosa de acoller por segunda vez a Gran Final das Series Mundiais. Quero agradecerlle a World Triathlon e a todas as federacións internacionais que a conforman o meu agradecemento e a súa confianza na cidade  para a acoller esta cita. Tentaremos facer a mellor Gran Final posíbel».

O rexedor da cidade lembrou que a cidade tiña máis posibilidade de ver chegar a bo porto a súa candidatura para o ano 2026 —en principio a aposta era 2027—, e semella hoxe a decisión correcta.«É un auténtico fito para a cidade contar con esta capacidade organizativa e de resposta», explicou.«Todo isto é posíbel grazas a unha equipa na área de Deportes espectacular, grazas a unha veciñanza que vive o deporte, e, ademais, grazas a un voluntariado exemplar, que permite facer unha cita que sobrepasa o meramente deportivo; apostando por un modelo sostible e pioneiro, respectuoso co medio ambiente».

Fernández Lores engadiu que Pontevedra se atopa nun intre histórico de enorme relevancia, ademais de sinalar que este podería ser o mellor mandato que recorda non só deportivo (Mundial de Loita U20, Europeo de Ciclocross, Multisport 2025, Gran Final das Series Mundiais), senón tamén no cultural, con dúas edicións dos Premios Feroz por chegar.

«Este tipo de grandes eventos internacionais, coma tamén o é o Multisport do 2025, son posíbeis grazas a un modelo de cidade pensado para as persoas, recoñecido internacionalmente. Cómpre lembrar a aposta da Boa Vila polo deporte como un motor non só para a saúde e o benestar, senón tamén como un revulsivo para a economía local e mesmo de toda a comarca», comentou.

2024-10-17 12:01:35 33 pontevedra-repetira-como-sede-da-gran-final-das-series-mundiais-no-ano-2026

Compartir publicación: