Search
Close this search box.

O programa Apego suma xa 500 familias adheridas no Concello de Pontevedra

A iniciativa, que ten como obxectivo  restaurar a posibilidade de que a cativada aprenda galego de xeito natural, nun contexto familiar e de socialización, esperta gran interese na cidade e contorna.

Inicialmente destinada a residentes en Pontevedra, abriu o foco cara as familias que, por mor do seu traballo ou da escolarización das súas crianzas, fan vida na nosa cidade, influíndo na lingua que se escoita.

Aquelas persoas intersesadas en participar do proxecto, poden solicitar unha cita no servizo de Normalización Lingüística para programar a entrevista personalizada, na que se facilitarán  medidas e propostas en función dos seus usos lingüísticos.

Aínda que a parte máis visible son as actividades o programa conta con numerosos recursos e ferramentas no seu web apego.gal/recursos, tanto para familias como para profesionais da educación de 0-3 e de 3 a 6 anos: arrolos, adiviñas, xogos, convites para festas infantís, etc.


O Servizo de Normalización Lingúística do Concello de Pontevedra, recibía esta mañá a familia número 500 adherida ao programa Apego. Unha cifra elevada e froito do traballo de moitos anos pero que, segundo apunta a técnica responsable “as familias que participan das actividades que programamos son moitas máis. Para adherirse ao programa é preciso solicitar cita para unha entrevista personalizada. Nós propoñemos medidas en función dos seus usos lingüísticos e arroupamos dando recursos para que as familias leven a casa e poidan crear así contextos e espazos de socialización en galego. Traballamos cos país e nais, porque se eles falan, os nenos e nenas, falan.”.

Aínda que o programa estaba destinado inicialmente a familias residentes na cidade, a alta demanda fixo que, na actualidade, o proxecto admita familias que pese a non vivir aquí, fan a súa vida en Pontevedra por mor do traballo ou a escolarización da cativada e inflúen na lingua que se escoita na cidade.

O obxectivo principal do Apego é reconstruír espazos de socialización en galego e reforzar a transmisión de país e nais a nenos e nenas; restaurar a posiblidade de que a cativada aprenda galego de xeito natural, especialmente nos primeiros anos de vida, entre os 0 e os 7 anos.

“Tamén dar resposta a unha demanda recurrente das familias e un problema común a todos os concellos que participamos no Apego: as familias botan de menos máis galego na escola, por ese contexto de socialización tan necesario para oír a lingua e sentir a necesidade de responder. Vendo os datos, faise máis evidente que esta é a liña de acción necesaria. Na páxina de recusos temos creado moito material que serve para familias, pero tamén para profesionais de educación de 0-3 e de 3 a 6 anos: arrolos cantados con letra e música, xogos recitados para coñecer o corpo e fomentar o apego coas persoas adultas, xogos de psicomotricidade, para aprender a ordenar, xogar co vocabulario cotiá. Tamén etiquetas para material escolar ou convites para festas infantís, videos, etc.”

Dentro das actividades, que complementan o programa conxunto de accións que conforman o Apego,  onte tivo lugar a sesión de narración oral ‘O pozo do encanto’ da man de Lydia Botana e Fabaloba, que presentou numerosos recuros para a crianza en galego. Mañá, venres 18 terá lugar ‘Tralará’, unha sesión de contos, música e obxectos con Marta OrtIz, chea de cantos e refráns, retrousos e rimas, xogos de palabras e contos versados para para xogarmos coa lingua. As actividades do Apego precisan de inscrición previa e teñen prioridade as famiias que están adheridas ao programa.

2024-10-17 12:59:35 29 o-programa-apego-suma-xa-500-familias-adheridas-no-concello-de-pontevedra

Compartir publicación: