Continúan as actividades previas dos Premios Feroz 2025, cuxa gala se celebrará o próximo 25 de xaneiro no Pazo da Cultura.
As entradas xa están esgotadas, pero para as próximas proxeccións poden sacarse de balde sete días antes na oficina de Turismo da praza de España, e cinco minutos antes da proxección permitirase a entrada libre até completar capacidade.
Este mércores, 16 de outubro, o director galego Lois Patiño presentará no auditorio da Facultade de Comunicación, do campus de Pontevedra a súa película « Samsara », a segunda das actividades previas dos Premios Feroz 2025 que o vindeiro 25 de xaneiro celebrará a súa gala no Pazo da Cultura.
« Samsara » obtivo o Premio Especial do xurado na sección ‘Encounters’ (ex aequo) da Berlinale 2023 e foi candidata ao Premio Feroz Arrebato de No Ficción en 2024. O director falará con Suso Novás, organizador de Novos Cinemas, logo do remate da proxección que comezará ás 18.30.
As 400 entradas do auditorio da facultade xa están esgotadas dende este luns, pero aquelas prazas que queden vacantes se porán a disposición das persoas que queiran achegarse cinco minutos antes do inicio da proxección.
Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.
A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morais
2024-10-15 16:16:46 5 o-director-galego-lois-patino-presentara-no-auditorio-da-facultade-de-comunicacion-a-sua-pelicula-samsara