A Casa Consistorial remata a súa reforma e recupera a súa luz 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou unha visita esta mañá ao emblemático edificio, acompañado dos voceiros da corporación municipal
O Concello agarda poder celebrar o pleno ordinario de novembro no novo salón, situado no piso superior do inmoble, e a partir do 15 de novembro iniciará unha serie de visitas guiadas para que a veciñanza poida coñecer de primeira man o seu interior 

A Casa Consistorial de Pontevedra recupera o seu esplendor, logo de anos sen estar aberta á cidadanía. A reforma, impulsada polo Concello co fin de recuperar e darlle unha nova vida a este espazo, trae de volta a luz ao seu interior, un brillo especial que desaparecera a nivel arquitectónico trala reforma realizada no seu interior no ano 1943, co gallo da visita do ditador Francisco Franco, e que mudou en gran medida o edificio proxectado e creado por Sesmero no século XVIII.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, realizou este luns, 14 de outubro, unha visita á casa do pobo, acompañado polos voceiros da corporación municipal. Durante a visita, o rexedor comprobou os traballos realizados no edificio a través dun proxecto de recuperación e reforma, que lle outorga accesibilidade universal e que adapta o edificio ao século XXI.

«Recuperamos para a cidade un edificio simbólico, representativo do Concello de Pontevedra», sinalou. «É a casa de todos os pontevedreses. Trátase dun edificio que foi tendo varias remodelacións, entre elas a de 1943, e o que se tratou foi recuperar ao máximo a conexión visual entre a rúa Alhóndiga e a Praza do Concello, traendo de volta a luminosidade. Por suposto, conta con todas as melloras que un edificio de hoxe en día precisa».

O rexedor destacou «a alegría» que sente ao ver rematada a reforma e sinalou a vinculación deste edificio coa mesma evolución da cidade, indo da man ao longo dos últimos séculos. «É un traballo que nos permite recuperar e manter a nosa historia e o noso patrimonio», engadiu. «Os plenos ordinarios e extraordinarios van ser aquí, amais de acoller usos administrativos. Por suposto, é un espazo representativo onde serán recibidas visitas e autoridades». 

Desde o Concello de Pontevedra estímase que o pleno de novembro será xa realizado nestas dependencias municipais, e que sexa inaugurado de xeito oficial o día 15 de novembro, ao longo da mañá. Esta reapertura contará cun acto especial no que se convidará a todos e todas as edís que formaron parte da corporación municipal ao longo dos anos, xerando «unha representación o máis ampla posíbel dos representantes da poboación pontevedresa». 

Doutra banda, a partir dese día 15, tamén serán programadas unha serie de visitas guiadas para que a veciñanza poida achegarse e coñecer de primeira man a historia deste edificio, a reforma realizada e afondar no simbolismo deste espazo e a súa relación coa cidade. 

No eido administrativo, ou de uso da planta baixa, esta acollerá as oficinas dos Servizos técnicos do Concello de Pontevedra e da área de Patrimonio. Agárdase que nas vindeiras semanas se formalice e complete o traslado dos funcionarios destas áreas ao lugar.

Por último, alcalde quixo felicitar e agradecer o traballo realizado polos arquitectos encargados do proxecto (U+A Arquitectos), así como dos labores continuados dos traballadores municipais, cuxas accións conxuntas permitiron o remate da obra, executada pola UTE formada pola pontevedresa Ramírez e a lusa Revivi. O rexedor tamén quixo lembrar a aportación económica da Deputación de Pontevedra á hora de poder sacar adiante o proxecto.

2024-10-15 07:50:02 33 a-casa-consistorial-remata-a-sua-reforma-e-recupera-a-sua-luz

Compartir publicación: