‘Veñan as cinco’ achegará poesía nas 5 linguas da península a diversos puntos da cidade entre o 25 e o 27 de outubro

O festival, organizado polo Anteneo de Pontevedra, contará entre outras figuras con Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves, Mireia Calafell,  Silvia Penas e o músico Fran Fernández

O acto inaugural conducido polas artistas Carme Quinteiro e Baia Fernández, terá lugar o venres 25 de outubro ás 19h.horas no Museo de Pontevedra, cunha performance de poesía e música

O Teatro Principal, o Museo de Pontevedra, O Diaño, A verbena e o Espazo Mauro Lomba serán escenario de recitais poéticos, música e clases mestras sobre poesía e procesos creativos.

As actividades teñen entrada libre ata completar cabida a excepción das clases mestras, que ao ter prazas limitadas precisan de inscrición previa en festivalvenanascinco@gmail.com


O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou esta mañá a que será a primeira edición do festival poético ‘Veñan as cinco’ acompañado da organización do evento, o Ateneo de Pontevedra, representado por Antón Sobral, Carlos Avello, Xaime Toxo, e Tensi Xesteira.

“Estamos aquí para presentar este festival de poesía que o propio Ateneo organiza baixo o nome de ‘Veñan as cinco’ que fai referencia ás 5 máis faladas linguas da península ibérica. Queremos agrader o esforzo e tesón para que este festival poida ser posible. Houbo ao longo dos meses de preparación unha serie de eivas, problemas e dificultades e se non é polo esforzo e ganas que lle puxeron, non estaríamos hoxe aquí. Desde aquí o noso agradecemento en nome de todas as amantes da poesía de Pontevedra porque imos ter a oportunidade de gozar da poesía, de afondar na reflexión ou simplemente no goce estético desta arte que as veces, ou normalmente, distrutamos en soidade, na casa, etc e imos transformar iso no feito de xuntármonos cas persoas que non teñen ese gusto habitual e terán a oportunidade de descubrila e descubrir un panorama moi amplo da poesía que se está facendo na península ibérica nas diferentes linguas que eu creo que é un panorama moi representativo do que se está facendo hoxe en día. A parti do venres 25 ás 19h. no Museo de Pontevedra, o Teatro Principal, o bar Diaño, A Verbena, poderemos gozar da presenza de Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves, Mireia Calafell,  Silvia Penas e o músico Fran Fernández. Parabéns e agradecementos”, comezaba o edil.

O presidente do Ateneo, Xaime Toxo, apuntou que “a poesía é un dos sinais máis identitario do Ateneo de Pontevedra. Xa tivemos outro festival previo ao que foi a pandemia, que era PontePoética que tivo un percorrido de 9 edicións e a chegada da Covid marcou dalgunha maneira un fin de etapa. Queriamos reinciar e recuperar o sentido orixinal do que fora PontePoética que era un festival limitado ás cinco linguas da península ibérica – as catro linguas do estado e engadirlle a lingua portuguesa que é a lingua nosa tamén – e ese era o noso propósito. A Poesía como sinal de identidade, esa vocación que temos de construír a realidade en base a esa linguaxe, se queredes neste stempos tan líquidos, unha palabra que represente ese sentido simbólico da existencia como é a poesía. Tiñamos moitísjmo interese en sácalo adiante, xa comentou Demtrio as múltiples dificultades que houbo, pero o festival está aquí e estamos contentísimas e contentísimos de recupéralo e de que Pontevedra poida presumir nesta e en vindeiras edicións, de contar cun grande festival poético.”

Tensi Xesteira, da coordinación e dirección do festival xunto a Carme Quinteiro, apuntou que “este festival pretende ser un canto á diversidade lingüística e por iso temos poetas das cinco linguas e tamén a nivel temático que abrangue propostas que reivindican a muller no rural como é o caso de María Sánchez ou  con clara reivindicación social como Nuria Vilán ou os cantos angolanos de Zheto Cunha, que é o poeta portugués, porque cremos que o mundo é diverso e que a poesía debe expresar esa varidade. Cremos tamén que o festival é un punto de encontro para crear esa comunidade e por iso non so estará no Principal e o Museo, senón que se espallará por outros espazos como os bares e o Espazon Nemonon que se vai reinaugurar na Ferraría como Espazo Mauro Lomba”.

O acto inaugural do evento vai ter lugar o venres, 25 de outubro, a partir das 19 horas no Museo de Pontevedra, coa presentación do evento e unha performance de poesía e música, que será conducido polas artistas Carmen Quinteiro e Baia Fernández e no que recitarán Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves, Mireia Calafell, coa música de Fran Fernández

Pola noite, a partir das 22 horas, haberá unha “Noite de Letras” en A Verbena e O Diaño, coa poesía de Silvia Penas no primeiro e a música de Fran Fernández no segundo. Esta proposta tamén se organiza para convidar ao público asistente a recitar ou a ler poesía, co obxectivo de levar a poesía a todos os recunchos da cidade do Lérez.

O sábado será o día máis completo con programación pola mañá e pola tarde – noite. O Museo acollerá os actos da primeira parte do día, na que están previstas dúas clases mestras sobre o proceso creativo e que serán impartidas polo poeta Zheto Cunha Gonçalves, entre as 11 e as 12 horas, e das 12 ás 13 horas, será María Sánchez quen fale do dela. As persoas que queiran participar nestas actividades, deberán inscribirse previamente a través do enderezo electrónico do festival (festivalvenanascinco@gmail.com). Despois desas clases, ás 13 horas, a praza da entrada do edificio acollerá un concerto do músico Fran Fernández que, en caso de mal tempo, se trasladará ao interior.

Xa pola tarde, ás 20.30 horas, os actos desenvolveranse no Teatro Principal de Pontevedra, onde terá lugar unha performance poética coas voces de Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves e Mireia Calafell.

E xa o domingo, como remate, o Espazo Mauro Lomba acollerá a última das clases mestras, neste caso coa poeta galega Nuria Vilán. Será a partir das 11.30 horas e para participar tamén se require inscrición previa no enderezo electrónico do festival festivalvenanascinco@gmail.com

BIOGRAFÍA  PARTICIPANTES

Nuria Vilán Prado

Santo André de Comesaña, Vigo, 1993. Resitadora. Máis coñecida como Nuria Vil nos circuítos escénicos. O seu traballo artístico, eminentemente oral, céntrase en levar a poesía máis aló da escrita e busca hibridar a palabra con formas de arte experimental e performática cun discurso marcado pola vindicación social. Neste 2024 forma parte do espectáculo multidisciplinar Indóciles sobre Luísa Villalta, canda Mónica de Nut e Vero Rilo; vén de estrear Delincuente, unha curtametraxe baseada no seu poema homónimo arredor da historia obreira da cidade de Vigo dirixida por Alba Domínguez, e tamén a performance Declaro deserto a partir do seu poemario Simún (Ed. Chan da Pólvora 2021-2022). Fai parte da plataforma de crítica literaria A Sega.

A autora tamén fai parte de abondosas antoloxías. A meirande parte dos textos orais forman parte de pezas escénicas e permanecen inéditos; outros están en fanzines e CDs autoeditados.

Zetho Cunha Gonçalves

Huambo, Angola, 1960. Poeta, autor de literatura infantil e xuvenil, antólogo, tradutor de poesía e organizador de edicións publicou, dende 1979, preto de 40 libros. Con Noite Vertical, de 2017, gañou o I Prémio dstangola/Camões, en 2019, e foi o título elixido polo autor para a reunión da súa poesía (1979-2021), en 2021. Organizou edicións da obra de António José Forte, Luís Pignatelli, Natália Correia, Mário Cesariny, Eça de Queiroz, Fernando Pessoa, Jorge de Sena, Ernesto Sampaio, José Sebag, e do poeta de Mozambique Luís Carlos Patraquim. Ten traducións da súa obra en alemán, chinés, español, italiano e iídiche. O seu nome foi proposto para o Premio Nobel de Literatura 2018. Dedícase por completo á creación poética e literaria. 

Mari Luz Esteban

Nada no 1959 nunha pequena vila do noroeste de Burgos, dende ben cativa trasladouse a Basauri (Bizkaia), onde forxou a súa forma de entender a vida, o traballo e a política. Con estudos de medicina, exerceu como médica de planificación familiar nun centro impulsado polo Grupo de Mulleres de Basauri, e conta cunha tese doutoral no campo da saúde e o xénero que lle deu o salto á antropoloxía social. Traballa na Universidade do País Vasco na que destaca a súa investigación na antropoloxía feminista e a antropoloxía do corpo e das emocións. Estes campos tamén se trasladan á súa creación, na que destacan obras como Crítica del pensamiento amoroso, (Edicions Bellaterra, 2011), Amaren heriotzak libreago egin ninduen (Pamiela, 2013) [La muerte de mi madre me hizo más libre, La oveja roja, 2017], Andrezaharraren manifestua (Pamiela, 2019) [El manifiesto de las mujeres viejas, La oveja roja, 2020), ou Haragizko erreformak (Pamiela, 2023) [Reformas carnales].

Mireia Calafell

Mireia Calafell é poeta. Ten publicado os libros Poètiques del cos (2006 (Premio Amadeu Oller 2006 e Premio Anna Dodas 2007 ao mellor libro publicado por un autor inédito), Costures (Premio Josep Maria López Picó 2009). Con Tantes mudes (Premio Benvingut Oliver 2013), recibiu a Lletra d’Or ao mellor libro publicado en catalán en 2014. Nosaltres, qui (2020) foi galardoado co Premio Mallorca de Poesía (2019) e recoñecido pola Asociación de Escritores en Lengua Catalá co premio Josep Maria Llopart ao mellor poemario publicado en 2020. Recentemente, recibiu o Premio Carles Riba polo poemario Si una emergència (2024). É membro fundadora da produtora cultural La Sullivan. Foi codirectora do Festival Poesia i + (2015-2016), e de Barcelona Poesía (2018-2021).

María Sánchez

María Sánchez é veterinaria e escritora. Traballa con razas autóctonas en perigo de extinción, defendendo outras formas de produción e de relación coa terra como a agroecoloxía, o pastoreo e a gandaría extensiva. Colabora habitualmente en medios sobre literatura, feminismo, gandaría extensiva, comida e cultura e medios rurais. É autora dos poemarios Cuaderno de campo e Fuego la sed, e dos libros Tierra de mujeres: una mirada íntima y familiar al mundo rural, e Almáciga. Os seus libros foron traducidos a varios idiomas. Recibiu diversos recoñecementos, entre os que destacan o Premio Nacional de Juventud de Cultura INJUVE, por ter contribuído coa súa poesía a visibilizar con carácter modélico e innovador a necesidade de manter a vida no campo; a Medalla de Andalucía 2023 ao Mérito Medioambiental; e o XLIV Premio Internacional Afundación de Periodismo Julio Camba.

Silvia Penas

Vigo, 1980. Poeta e  performer. O seu traballo ten como punto de partida a creación de textos, cunha forte vocación de indagar na poesía escénica e outros formatos de poesía efémera e expandida.

Comeza a súa andadura poética no colectivo Redes Escarlata. Despois de gañar algúns premios e accésits con series de poemas, no 2010 publica Biografía da multitude, creado en coautoría con Elvira Riveiro (premio de poesía Victoriano Taibo). Máis tarde aparece As uñas crecen, poemario gañador do certame Manuel Lueiro Rey de Poesía ao que lle segue Diario de ladras, bailarinas, asasinas e flores, Premio de Poesía Avelina Valladares. Fronteira Paraíso, artefacto que contén poemas, fotografías de Jesús Andrés Tejada e un disco homónimo a cargo de Cintaadhesiva, un proxecto de poesía, música electrónica e videoarte. Posteriormente aparece en lingua portuguesa o libro de poemas O resto é céu. O poemario Retratos de vodas, partos e funerais foi galardoado co Premio Follas novas 2024 ao mellor libro de poesía publicado en galego do ano 2023 e o premio Aritmar (Galiza e Portugal) ao mellor poema por “Canto segundo para un fillo non nado” incluído no mesmo libro. Tamén no 2024 graña o Premio de Poesía do Concello de Carral pola súa obra A pel do exilio.

Fran Fernández

Cantautor e escritor de ideas e sentimentos nado en Granada, con 12 discos e tres libros publicados.

Deu xiras por toda España e Latinoamérica e conta con premios de canción de autor en certames e concursos nacionais que avalan a súa traxectoria de máis de vinte e cinco anos. Colaborou con artistas como Ismael Serrano, Pedro Guerra ou Marwan, e atópase en continua actividade musical e poética, buscando sempre o xenuíno e unha forma persoal do espazo

2024-10-14 11:30:23 29 venan-as-cinco-achegara-poesia-nas-5-linguas-da-peninsula-a-diversos-puntos-da-cidade-entre-o-25-e-o-27-de-outubro

Compartir publicación: