Search
Close this search box.

A tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade e axudas á dependencia, consultas máis frecuentes do teléfono de información xeral de Servizos Sociais 

Durante 6 meses a Concellaría que xestiona Anabel Gulías recibiu máis de 600 chamadas, a maioría sobre o inicio de procedementos e os requisitos para pedir axudas.

Activárase de xeito experimental como un “primeiro contacto” dos potenciais demandantes de axudas e para optimizar o traballo dos distintos servizos sociais comunitarios 

A Concellaría de Benestar Social que dirixe Anabel Gulías vén de facer balance dos primeiros seis meses de funcionamento do teléfono de información xeral dos servizos sociais municipais. As axudas á dependencia e a solicitude da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade foron as consultas máis frecuentes desta experiencia piloto que recibiu máis de 600 chamadas, é dicir, entre catro ou cinco cada día.

Na listaxe de consultas máis repetidas séguenlle as chamadas de persoas estranxeiras para informarse do procedemento para empadroarse, posible axudas sociais ou itinerarios de inserción laboral; e de drogodependentes ou os seus familiares sobre servizos de atención ou posibles prestacións sociais.

Neste seis meses tamén se rexistraron preguntas que van desde os pasos a dar para acceder a unha vivenda de protección oficial aos trámites para adoptar; desde como solicitar o cheque bebé a información sobre os beneficios das familias numerosas; desde como tramitar o RISGA ao trámite para o traslado de expedientes sociais entre comunidades autónomas; desde como reclamar gastos de desprazamento ao Sergas a como tramitar a incapacidade…

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías considera moi positivo este proxecto piloto polos resultados obtidos, así como pola claridade das respostas e polo feito de que o usuario/a  recibe tamén a información detallada por escrito no seu correo electrónico.

A liña  activárase cun triplo obxectivo: servir de “primeiro contacto” para pedir información e asesoramento, mellorar a atención dos usuarios e usuarias e optimizar e axilizar o traballo dos servizos. Agora a análise polo miúdo dos datos cuantitativos e cualitativos servirá para definir estratexias comunicativas e outros pasos  a seguir polo departamento municipal de Benestar Social.

O teléfono de información xeral do eido social é 986 84 83 34. Está operativo de luns a venres en horario de 09.00 a 13.00 horas, agás os festivos. Ademais, tamén se habilitou un enderezo electrónico para o mesmo fin: informacionsocial@pontevedra.eu

2024-10-13 12:00:23 5 a-tarxeta-de-estacionamento-para-persoas-con-discapacidade-e-axudas-a-dependencia-consultas-mais-frecuentes-do-telefono-de-informacion-xeral-de-servizos-sociais

Compartir publicación: