Trátase dun acordo no que, alén de colaboracións privadas ou institucionais, quedan comprometidos 800.000 euros anuais para facer posíbel a programación destes galardóns
Estudos externos sitúan o impacto mediático e publicitario da última cerimonia dos Feroz celebrada en Zaragoza en máis de 57 millóns de euros
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de xoves, 10 de outubro, en rolda de prensa co obxectivo de dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o rexedor quixo destacar a aprobación do contrato para a celebración nos anos 2025 e 2026 dos Premios Feroz en Pontevedra.
O documento foi asinado coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España, «que contan coa exclusiva á hora de celebrar estes galardóns», e permitirá que Pontevedra sexa por dous anos sede dun dos eventos máis importantes e chamativos da cultura cinematográfica de todo o Estado.
O convenio por dous anos terá un custo de 800.000 euros (+IVE) por ano, e que cubrirá toda a programación relacionada cos Premios Feroz, incluíndo as diferentes proxeccións, obradoiros e actividades que se organizarán ao redor da gala do 25 de xaneiro; unha programación que xa comezou e que está a ser todo un éxito, tal e como se aprecia no esgotamento das entradas para as dúas primeiras proxeccións.
«Nós seguimos e seguiremos traendo eventos que promocionen e coloquen no mapa do mundo a Pontevedra», sinalou o alcalde. «A través dun estudo que manexamos, feito pola empresa Onclusive, os resultados de promoción están a ser espectaculares. Para empezar, podemos dicir que a rolda de prensa realizada no pasado mes de maio tivo unha repercusión mediática e publicitaria estimada en máis dun millón de euros. Atendendo a cifras de edicións pasadas, a gala celebrada en Zaragoza contou cunha repercusión deste tipo valorada en máis de 57 millóns de euros».
O rexedor lembrou que «non hai cartos» para pagar este tipo de promocións publicitarias, alén do retorno económico que virá da man da propia programación e da propia gala para a cidade.
2024-10-11 08:42:05 33 o-concello-aproba-e-asina-o-convenio-coa-asociacion-de-informadores-cinematograficos-para-a-celebracion-dos-premios-feroz