Search
Close this search box.

A Boa Vila volverá escoller a mellor tapa da cidade a través do concurso gastronómico Pontedetapas 

Todos os bares e restaurantes interesados do municipio poden realizar a súa inscrición desde este mesmo instante e até o 17 de outubro; desenvolvéndose o programa municipal entre o 13 e o 27 de novembro
Haberá tres modalidades distintas: premio á mellor tapa tradicional, á mellor tapa creativa e ao mellor cóctel 

Pontedetapas volverá este 2024. A edil de Promoción económica, Anabel Gulías, fixo público o anuncio esta mañá da apertura de inscricións para poder participar nun dos concursos gastronómicos máis recoñecíbeis da Boa Vila. «A súa volta vén da man dun consenso coa hostalaría á hora de poñer as novas datas», explicou.

Así, Pontedetapas, logo de diversas reunións co sector, celebrarase entre o 13 e o 27 de novembro. «O obxectivo desta actividade é desestacionalizar dalgún xeito a oferta e favorecer o consumo entre semana nunha época teoricamente baixa para a hostalaría». 

Os bares e restaurantes participantes poderán presentar unha creación a tres modalidades, pero mantendo a obrigatoriedade da utilización de produtos e materias primas de calidade da gastronomía galega. Así, poden aspirar a alzarse co premio á mellor tapa tradicional —aquela inspirada nas receitas máis arraigadas e significativas da nosa gastronomía—, á mellor trapa creativa —á máis orixinal e innovadora en sabores, presentación, técnicas empregadas…—, e ao mellor cóctel.

Ademais, de entre todas as tapas e cócteles presentados, o público outorgará mediante votación popular o premio Tapa Pontevedra á proposta que máis represente a esencia da nosa cidade no sabor, no aroma, nos produtos empregados… A Tapa Pontevedra será a que compita en “De tapas por Galicia”, o certame promovido por Turismo de Galicia para escoller o mellor petisco da Comunidade entre os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas.

O prezo das tapas será o mesmo que nas edicións pasadas, feito que a edil quixo agradecerlle ao sector. Pontedetapas está aberto aos establecementos de hostalaría do ámbito municipal de Pontevedra que queiran participar. A cota de inscrición é de 60 euros por local e o prazo permanecerá aberto ata o 17 de outubro. As bases poden ser consultadas desde esta mesma páxina web, e o formulario descargado a través desta ligazón.

2024-10-11 11:50:18 33 a-boa-vila-volvera-escoller-a-mellor-tapa-da-cidade-a-traves-do-concurso-gastronomico-pontedetapas

Compartir publicación: