Search
Close this search box.

O Coche de Punto continúa co seu servizo con normalidade e promove xa as primeiras melloras do mesmo 

Para evitar ausencias inxustificadas de reservas xa realizadas, o servizo sancionará cun mes de inactividade a todas as persoas que non se presenten no lugar acordado
O edil de Mobilidade, César Mosquera, indica que este transporte a demanda soluciona a problemática dun grupo de xente que doutro xeito tería dificultades para acudir ao centro 

O Coche de Punto continúa co seu correcto funcionamento na súa primeira semana de vida como novo servizo de transporte existente no Concello de Pontevedra. O edil de Mobilidade, César Mosquera, compareceu este mércores, 9 de outubro, co fin de valorar estes primeiros días e quilómetros.

«As cifras de servizos realizados son de 13 no primeiro día (luns), 8 no segundo (martes) e 12 no terceiro (mércores). Son uns números razoábeis que resolven un problema para esas persoas que non teñen outro xeito de achegarse até o centro», explicou. «Onte tivemos unha xuntanza para ir axustando certas cuestións e ir mellorando o servizo».

Dentro deses axustes e posíbeis melloras, destaca leves correccións en algunhas paradas, como a da estación de tren, que se realizará a baixada na estación de bus, por ser máis doado a nivel de circulación e estacionamento. «Son cuestións pequenas», sinalou Mosquera. 

No referido ás reservas, si que se tomou unha decisión de relevancia, á hora de penalizar ou sancionar, dalgún xeito, a aqueles usuarios e usuarias que realicen unha solicitude do servizo e logo non aparezan ou non dean conta da súa ausencia. Desde agora, aquelas persoas que non aparezan logo de formalizar a súa reserva non poderán volver facer uso do Coche do Punto durante un mes. «Así será polo momento», finalizou o edil. 

2024-10-10 08:05:55 33 o-coche-de-punto-continua-co-seu-servizo-con-normalidade-e-promove-xa-as-primeiras-melloras-do-mesmo

Compartir publicación: