O Concello pecha os espazos naturais e pon en prealertaos servizos de emerxencia ante a chegada da borrasca Kirk 

O Concello de Pontevedra ten en prealerta a todo o servizo de seguridade e emerxencias para facer fronte ao impacto que a borrasca Kirk poida deixar no municipio. A concelleira de Protección Cidadá, Eva Vilaverde explicou esta mañá que «o Concello adoptou unha serie de medidas para garantir a seguridade da poboación que poden verse nas situacións complicadas », por iso pecha os espazos naturais do concello e están en aviso ademais de Policía local, bombeiros e Protección Civil, todos aqueles servizos implicados no mantemento tanto urbano como rural: iluminación, auga, limpeza, xardíns…

Dende as seis desta tarde, cando está declarada a alerta amarela por vento e chuvia « procederase ao peche da senda do río Lérez e da Illa do Cobo, o recinto da UNED, o miradoiro de Monte Porreiro, a Alameda, o parque das Palmeiras, o parque de Rosalía de Castro e todos os parques infantís ». Eva Vilaverde engadiu que o propósito é « protexer aquelas zonas arboradas onde hai perigo de que caían árbores, ramas e demais », polo tanto « recomendamos non acudir a parques naturais e infantís, evitar os traslados innecesarios e zonas arboradas e todos aqueles lugares onde poidan caer obxectos ». Tamén se referiu á retirada de obxectos de balcóns, fachadas… conducir con cautela á saída de túneles, en adiantamentos, cruzamentos de vehículos pesados… Tamén recomendou ter coidado en zonas de inundación especialmente na avenida de Marín xa que está prevista a preamar entre as 8 da noite e as 4 da mañá cando se prevé gran intensidade de chuvia.

« Teremos todos os servizos operativos en preaviso e en aviso de alerta mañá. Isto quere dicir que, ademais de bombeiros, protección civil e policía, estarán todos os servizos que teñen que ver con mantemento tanto urbano, rural, de iluminación e de xardíns, os servizos de limpeza e de augas. Todos pendentes da coordinación dende policía para actuar sempre que se xa necesario na cidade ou no rural en todo o termo municipal de Pontevedra », explicou Eva Vilaverde. 

En relación ás actividades deportivas que se poidan desenvolver nas instalacións municipais, o Concello agarda ás indicacións do 112 que se irán coñecendo ao longo do día de hoxe.

2024-10-08 11:08:40 5 o-concello-pecha-os-espazos-naturais-e-pon-en-prealertaos-servizos-de-emerxencia-ante-a-chegada-da-borrasca-kirk

Compartir publicación: