A Praza da Pedreira acollerá o vindeiro sábado 12 de outubro entre as 17h. e as 23h. o evento con entrada libre que achegará a cultura urbana galega
Nas diferentes fases de competición participarán gañadores/as de batallas previas e toda persoa interesada que formalice a inscrición en liña en https://ceibarimas.gal/liga-2024 ou de xeito presencial na praza a partir das 16h.
Á xornada estará conducida por Lil Moma e amenizada pola DJ Nu.Eva e contará nos entretempos coas actuacións Flow do Toxo e Kid Mount
Tamén será posible descubrir talentos emerxentes neste eido artístico, como é o caso de Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola
O concelleiro de Normalización, Demetrio Gómez presentou esta mañá a chegada do CeibaRimas á cidade, acompañado de Román Castaño, membro da organización.
“Pontevedra acollerá por primeira vez o CeibaRimas e ademais faino polo grande porque é a final deste concurso galego de freestyle que se vai celebrar o día 12 de outubro ás 17h. da tarde e ata as 23h. na Praza da Pedreira. O freestyle e un tipo de rap improvisado e nesta competición poden participar todas as mozas e mozos de Pontevedra que teñan interese, amais das persoas que xa están clasificadas porque participaron en anteriores fases do concurso. Vai ser unha tarde para coñecer e disfrutar o rap e ver as pullas que se lanzan uns a outros utilizando como lingua o galego, porque está é, como dícia, a única competición en galego que existe de freestyle. Deixo a palabra a Román para que conte como vai ser esta competición na que imos ter algunhas das estrelas emerxentes do rap en galego e tamén varias asentadas, que van amenizar os espazos entre unha fase e outra.”
Desde a organización, Román Castaño afirmou que “o 12 de outubro teremos a gran festa da improvisación do rap en galego. A entrada é totalmente gratuíta e a xente pode participar. Están aínda a tempo de apuntarse en ceibarimas.gal ou mesmo ese día in situ.
Fixemos algún eventos previos durante o verán polo que hai xa algunhas persoas clasificadas para roldas máis avanzadas pero todo o mundo que queira está a tempo de presentarse. O evento consistirá nunha parte clasificatoria na que toda a xente apuntada se irá cribando e de aí sacaremos as persoas clasificadas para oitavos, onde comezarán as batallas individuais. Haberá roldas con certas temáticas e estímulos para que a rapazada improvise sobre eses temas.
Ademais da competición, como é a festa do freestyle en galego, teremos varios concertos: un clásico do CeibaRimas que é o espazo de artistas emerxentes no que xente que está comezando no mundo da música ou simplemente ten un tema, virán a darnos unha mostrado do seu talento. E despois teremos actuacións de grupos consolidados como Flow do Toxo e Kid Mount.
Vai ser unha festa tremenda. Cada ano participa máis xente, hai máis público e nos 4 anos que levamos facendo este evento, hai máis nivel. Convidar a toda a xente que veña descubrir e gozar deste tipo de actividades que promoven o uso da lingua galega”, remataba.
As mellores voces do rap improvisado en galego daranse cita o sábado 12 de outubro entre as 17 h e as 23 h na praza da Pedreira, que será o escenario da final da cuarta edición da Liga CeibaRimas. Esta competición anual de freestyle en galego, que foi merecedora dun dos Premios Mil Primaveras 2023, é xa un referente no ámbito da música e da cultura urbana galega. Entre os seus obxectivos está o de normalizar e dinamizar o galego entre a mocidade a través dos espazos de improvisación oral.
A participación no evento do día 12 é de balde e está aberta a todas as persoas maiores de 12 anos que queiran participar e teñan dispoñibilidade para facelo, sen necesidade de experiencia previa noutros eventos. No caso das persoas menores de idade, terán que achegar a autorización correspondente. A inscrición farase a través do formulario (https://ceibarimas.gal/liga-2024), que estará activo ata 24 h antes do comezo do evento. Aínda así, existe a posibilidade de inscrición in situ, unha hora antes do comezo das competicións.
O certame desenvolverase en diferentes fases ao longo da tarde e nos entretempos contará coas actuacións de Flow do Toxo e Kid Mount, así como coa actuación de distintos talentos emerxentes neste eido artístico, como é o caso de Verdini, Mestre, Galego de Caracas, Puto Rumeinian e Carola, que demostrarán as súas habilidades sobre o escenario. O evento estará conducido por Lil Moma e amenizado pola DJ Nu.Eva. Contará cun xurado de excepción, composto por recoñecidas figuras do mundo da música e a improvisación oral, como son Alba María, High Paw, MØU, C Mirazo e ST. Repartiranse premios de ata 800 euros en metálico e máis de 600 en agasallos de marcas galegas. As bases completas poden consultarse aquí: https://ceibarimas.gal/liga-2024#bases.
O CeibaRimas reafírmase como a única competición de freestyle en galego, e convértese nun evento imprescindible para todas as persoas que queiran vivir unha experiencia única de cultura urbana galega. Non faltará música, talento e moita improvisación.
