Arranca a primeira das actividades previas dos Premios Feroz 2025, cuxa gala se celebrará o próximo 25 de xaneiro no Pazo da Cultura.
As entradas poden sacarse de balde na oficina de Turismo da praza de España, e cinco minutos antes da proxección permitirase a entrada libre até completar capacidade.
Mañá, 4 de outubro, Eduardo Casanova visitará o Pazo da Cultura de Pontevedra na primeira das actividades previas dos Premios Feroz 2025 (o próximo 25 de xaneiro celebrarase a gala).
Casanova presentará a súa película « La Piedad », que protagoniza Ángela Molina e que foi o título gañador en 2022 do Premio Feroz Arrebato de ficción.
Tras a proxección, sobre as 20:25, celebrarase o coloquio de Casanova co público asistente, moderado polo xornalista e produtor de executivo dos Premios Feroz David Carrón.
Con esta cita comeza unha ampla programación que se estenderá ao longo de todo o outono e que convocará na cidade a algúns dos principais creadores do cinema e as series españolas. As citas xa anunciadas serán os días 16, 23 e 30 de outubro con Lois Patiño, Víctor Iriarte e Paula Ortiz na Facultade de Comunicación. Coloquios e proxeccións de películas gañadoras e nomeadas aos Premios Feroz Arrebato nos dous últimos anos, categoría que busca recoñecer obras polos seus especiais logros artísticos e/o achegas innovadoras.
Os Premios Feroz 2025, que destacan o mellor da produción audiovisual española do ano para a prensa especializada, están patrocinados polo Concello de Pontevedra así como por Legado Ibérico, marca premium do Pozo Alimentación e líder no sector do ibérico. Ademais, contan coa colaboración de Audi —Vehículo Oficial— e co financiamento do Goberno de España – Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Ministerio de Cultura.
A Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE) é un grupo plural de máis de 250 xornalistas e críticos dedicados a informar sobre cinema en televisión, radio, prensa e Internet de todo o país. Desde 2014 entregan os PREMIOS FEROZ® para destacar o mellor da produción audiovisual española do ano. Ademais dos galardóns anuais, a asociación outorga o Premio Feroz Zinemaldia no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián, o Premio Feroz Puerta Oscura no Festival de Málaga e o Premio Feroz Cinema Jove á mellor curtametraxe no seo do festival do mesmo nome. A AICE tamén organiza o festival Lo que viene, o campus de cinema e series La Inmortal en Zaragoza e o programa de formación en xornalismo de cinema e series María Luz Morais.
2024-10-03 11:35:08 5 o-director-eduardo-casanova-presenta-mana-no-pazo-a-sua-pelicula-la-piedad-e-adianta-o-trailer-da-sua-nova-producion