O Concello de Pontevedra estima que os labores necesariaos para asegurar a zona e os servizos que por alí pasan terán un custe próximo ao medio millón de euros
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos incluídos na orde do día, o rexedor quixo poñer o foco no decreto asinado pola súa man este mércores co fin de iniciar toda a tramitación necesaria e poñer en marcha por emerxencia as tarefas e actuacións para a reconstrución do noiro derrubado preto da estación de bombeo do Lérez e que tamén afectou á senda peonil do río.
«Foi un incidente serio, grave e que mesmo ocasionou vertidos no río Lérez», explicou o alcalde. «Por sorte non afectou ao colector de abastecemento de toda a zona norte da cidade, incluído o polígono do Campiño. Segue habendo risco, por iso deben acometer estas obras de emerxencia e evitar un custe aínda maior».
O Concello de Pontevedra estima que as actuacións para estabilizar o noiro definitivamente e reconstruír a zona poderían derivar nun gasto total de case medio millón de euros (465.850 euros), mais ao tratase dunha obra de emerxencia, esta cifra é só unha aproximación e até o remate dos labores non se poderá saber con exactitude o seu custe. A día de hoxe xa comezaron os estudos xeotécnicos sobre o terreo para poder elaborar o proxecto máis acaído. Enmacosa será a empresa encargada deste estudo e da dirección técnica posterior, sendo E. C. Casas a responsábel da súa execución.
Fernández Lores agradeceu aos traballadores municipais a axilidade coa que foi tramitado todo o procedemento para poder iniciarse a reconstrución da zona, case «en tempo récord, e evitar males maiores».
2024-10-03 14:35:27 33 o-alcalde-da-luz-verde-ao-inicio-das-actuacions-por-emerxencia-para-a-reconstrucion-do-noiro-derrubado-ao-caron-do-lerez