Achegaranse até a Boa Vila entre 250 e 300 persoas para asistir a diferentes conferencias, obradoiros e simposios que terán lugar nas facultades de Ciencias da Comunicación e de Educación, situadas no campus pontevedrés
Pontevedra acollerá o ‘9º Congreso Iberoamericano de Psicología del Deporte’. A cidade do Lérez será epicentro dentro deste eido das ciencias da saúde entre os días 15 e 18 de outubro. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quixo presentar esta cita acompañado de Joaquín Dosil Díaz, profesor da Uvigo no Campus de Pontevedra e presidente da sociedade iberoamericana de psicoloxía do deporte, que chegará a Pontevedra por vez primeira.
«É un congreso que se organiza cada dous anos nun país diferente e é unha honra que escollesen a Boa Vila para este 2024», explicou o rexedor. «Haberá cinco conferencias plenarias, varios obradoiros, doce simposios diferentes e corenta pósters científicos. Achegaranse até Pontevedra persoas de até doce países diferentes como Portugal, Cuba, Puerto Rico, Perú, Brasil, Paraguay ou Arxentina».
As instalacións da Universidade de Vigo serán as que reciban a chegada de entre 250 e 300 persoas que a organización conta que se inscriban.
Pola súa banda, Dosil agradeceu a colaboración do Concello de Pontevedra e do resto de institucións e empresas colaboradoras no congreso, ao tempo que resaltou o crecemento constante en interese e atención que ven espertando a psicoloxía do deporte ao longo dos últimos anos.
2024-10-02 09:04:05 33 pontevedra-acollera-por-vez-primeira-o-congreso-iberoamericano-de-psicoloxia-do-deporte