Search
Close this search box.

Pontevedra estará presente na 72ª edición do Festival de Cine de San Sebastián 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado dunha delegación do Concello de Pontevedra, estará presente na rolda de prensa oficial dos Premios Feroz dentro da programación e instalacións da cita de cinema internacional 
Na comparecencia será revelada a persoa encargada de presentar a gala na Boa Vila e tamén se entregará o Premio Feroz Zinemaldia 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta este martes, 24 de setembro, da delegación do Concello de Pontevedra que se achegará até o Festival de Cine de San Sebastián esta fin de semana co obxectivo de participar na presentación oficial dos Premios Feroz en Pontevedra dentro da programación e instalacións da cita cinematográfica internacional. 

O rexedor lembrou que o Festival de Cine de San Sebastián é o único festival de categoría A co que conta o Estado, un dos sete que hai en Europa e un dos catorce do mundo; acadando este ano a súa 72ª edición. «É un dos eventos máis importantes da cinematografía mundial. Estaremos rodeados de centos de xornalistas», explicou. «Temos que estar orgullosos e contentos, debemos sacar peito da nosa cidade, de ver a Pontevedra dentro desta cita. Cremos que non hai mellor campaña promocional para unha cidade do noso tamaño, un escaparate único en San Sebastián. Alí estaremos o sábado 28, ás 13.00 horas, na sala de prensa da sede do festival, ofreceremos unha rolda de prensa acompañados de María Guerra, presidenta da Asociación de Informadores Cinematográficos, e alí convidaremos a todos os presentes a visitar a nosa vila».

A Boa Vila acollerá os Premios Feroz durante os anos 2025 e 2026, transformándose nun dos epicentros da cultura cinematográfica durante a celebración das súas galas. Porén, a pegada dos Premios Feroz será máis fonda e ancha que a que ten a gala, existindo e habendo unha programación en relación co cinema durante todo o outono e todo o inverno.

«Somos unha cidade atractiva, unha cidade que paga a pena coñecer e así o deixaremos claro en San Sebastián», explicou o alcalde. «No acto do sábado tamén será anunciado o presentador da gala e tamén se entregará o Premio Feroz Zinemaldia, que se entrega á mellor película en competición da sección oficial do Festival».

2024-09-25 10:32:01 33 pontevedra-estara-presente-na-72a-edicion-do-festival-de-cine-de-san-sebastian

Compartir publicación: