Os 11 mozos e mozas chegados do Collège Lycée Montalembert da cidade de Doullens terán unha participación especial no vindeiro Salón do Libro que contará con Francia como cultura convidada
A cita coa literatura infantil e xuvenil terá lugar do 21 de marzo ao 6 de abril de 2025 e o cinema será o tema central.
Está previsto que os rapaces e rapazas que están a participar no intercambio fagan recomendacións de libros ou películas francesas que o Salón compartirá nas súas contas e cabe a posibilidade de que outro grupo, chegue á cidade xusto para as datas de celebración.
O Concello vai agasallar ao centro de ensino cun lote de libros de autores/as galegos para que conten na súa biblioteca con pezas de literatura galega.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández e o concelleiro de Educación e Cultura, Demetrio Gómez, recibiron na mañá de hoxe a visita do alumnado do Collège Lycee Montalembert de Dullens, que visita a cidade estes días grazas ao intercambio co IES A Xunqueira 2 a través do programa EDUFRANCE.
Na súa intervención, o rexedor ofreceulles a benvida a Pontevedra e tentou achegarlles algunha información relevante sobre a cidade e o posicionamento internacional que logrou acadar ao longo dos últimos anos, froito do proceso de transformación vivido no eido do urbanismo e a accesibilidade universal nas rúas.
O grupo de 11 mozos e mozas que viven esta experiencia aloxados nos fogares do alumnado do IES A Xunqueira 2 – que fixo o mesmo na súa visita a Francia no mes de maio – levan en Pontevedra desde o mércores e comentaron a través da profesora francesa que os acompaña “gustalles moito o ambiente da cidade, a xente. Tamén a tortilla de patacas. Onte visitamos as Illas Cíes e pese a que a auga estaba fría, tomaron un baño. É o segudo ano que participamos neste proxecto e estamos encantados”.
Pola súa banda a profesora da Xunqueira 2 apunta que este programa permite crear unha pase para que se eles queren, continúen en contacto: nós estivemos en Francia en maio, agora eles veñen aquí. Os que participaron o ano pasado, aínda manteñen o contacto”
Esta visita está moi relacionada co Salón do Libro, que festexará a súa 26 edición entre o 21 de marzo e o 6 de abril do vindeiro ano e contará co cinema como tema e con Francia como cultura convidada. Esta información foi comunicada aos centros de ensino da cidade no mes de xullo e moitos deles están xa a traballar nesta liña.
Tal e como o concelleiro Demetrio Gómez fixo na recepción, preguntando ao alumnado francés polos seus libros, música e filmes favoritos, apuntou que “imos recopilar as súas recomendacións de libros, pelis e música en francés – porque as cancións tamén son literatura e colgar eses videos na canle de Youtube do Salón. Estamos encantados de telos como embaixadores do Salón en Francia. Tamén imos pedir ao alumnado de aquí que recomende aos mozos/as franceses/as libros en galego, para fomentar así o intercambio e o coñecemento de ambas culturas. Cando marchen, van levar para o seu centro como agasallo un lote de libros representativos da literatura galega, para que teñan un anaquiño dela na súa biblioteca.”
2024-09-24 21:42:28 29 o-alcalde-recibe-ao-alumnado-frances-que-a-traves-do-programa-edufrance-participa-por-segundo-ano-no-intercambio-co-alumnado-do-ies-a-xunqueira-2