O Concello de Pontevedra aporta un total de 205.000€ para que as crianzas pontevedresas poidan socializar, aprender os valores do deporte e comprender o traballo en equipo.
Fútbol, baloncesto, trampolín, atletismo… Até 123 opcións están recollidas dentro das Escolas Deportivas Municipais, consultábeis todas elas en deportes.pontevedra.gal
A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, informou este luns, 16 de setembro, do inicio do período de inscricións para as Escolas Deportivas Municipais. É dicir, desde hoxe, todas aquelas persoas que queiran participar neste programa poderán enviar a súa solicitude.
«As crianzas pontevedresas terán 123 convocatorias nas que participar, dito doutro xeito: 123 opcións para apuntarse nas distintas modalidades deportivas», explicou a edil. «Trampolín, fútbol, baloncesto, atletismo… En total falamos de máis de 2.5000 prazas para os nenos e nenas da cidade».
Tal e como lembrou Gulías, as Escolas Deportivas Municipais están destinadas as crianzas de entre 4 e 14 anos. É posíbel consultar a listaxe completa de actividades, así como toda a información necesaria para a inscrición na seguinte ligazón deportes.pontevedra.gal/listaxe-escolas-deportivas/.
«O deporte é fundamental para esta cidade e para este Concello», sinalou a edil. «Falamos do deporte como un método de socialización e que permite traballar os valores colectivos, que ensina a traballar en equipo e debe ser un eixo fundamental para a política de cada ao cidadán».
A maioría das actividades serán desenvoltas en equipamentos municipais, ao longo da semana, mais algunha tamén pode suceder os sábados polas mañás. As inscricións continúan a ser xestionadas directamente polos 37 clubs participantes, un feito que procura facilitar «moitísimo» o traballo ao servizo de Deportes.
O Concello de Pontevedra destinará un total de 205.000 euros para poñer en marcha este programa, subvencionando a inscrición das actividades, tendo os titores que aportar unha cifra que se move entre os 50 e os 70 euros (a inscrición das actividades custarían o dobre de non ser pola aportación municipal).
2024-09-16 15:30:24 33 as-escolas-deportivas-municipais-abren-o-seu-periodo-de-inscricion