Search
Close this search box.

O ciclo Ponteatro regresa o 10 de outubro cunha selección de 6 obras galegas con dous pases para ESO e Bacharelato

A excepción de Terceiro Acto do Centro Dramático Galego que terá lugar o sábado 2 de novembro ás 21h. no auditorio do Paxo da Cultura, todas elas terá lugar como vén sendo habitual os xoves ás 21h. no Teatro Principal

Talía Teatro, ButacaZero, Os naúfragos, o Centro Dramático Galego , Sarabela Teatro e Contraproduccións son as compañías encargadas de achegar entre outros temas de actualidade como a educación sexual, o traballo precario, a inmigración, etc.

Os abonos para todo o ciclo a un prezo de 30€ e as entradas para cada espectáculo ao prezo habitual de 8€ (4€para estudantes, persoas desempregadas e maiores de 65 anos) están xa á venda en Ataquilla.com

Desexo de Talía Teatro o 10 de outubro e O dragón de Ouro de Sarabela Teatro o 7 de novembro contarán cun pase matinal concertado polas canles habituais con centros de ESO e Bacharelato.


O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez presentou esta mañá unha nova edición do ciclo Ponteatro, que terá lugar entre o 10 de outubro e o 21 de novembro co Teatro Principal como escenario principal.

“Temos en Pontevedra unha programación de teatro moi completa que inclúe teatro profesional, amador, para público infantil,  teatro para bebés, e programación para persoas adultas, que é o caso de Ponteatro, que este ano chega con 6 funcións a partir do xoves 10 de outubro e ata o 21 de novembro, con 5 xoves no Teatro Principal e un sábado, o 2 de novembro que por cuestión de escenografía e montaxe, será no auditorio do Pazo de Cultura.

Temos xa á venda en Ataquilla.com a prezos moi populares os abonos para a 6 funcións a un prezo de 30€ e as entradas para cada espectáculo a prezos de 8/4€ para persoas desempregadas, maiores de 65 e estudantes. Os pases concertados con centros escolares de Secundaria e Bacharelato, que faremos o envío das propostas a través do mail habitual, terán un custo de 3€.”

Antes de debullar a programación, o concelleiro quixo salientar non só a calidade dos espectáculos senón o compromiso do teatro galego de tratar temas de actualidade e comprometidos: “no caso de DeseXo de Talía Teatro, que cunha importante labor de documentación, achega unha reflexión sobre como é a nosa educación sexual. No caso de ButacaZero e o traballo de Esther F. Carrodeguas, que agardamos con máis interese polo texto e porque ela é a única actriz sobre o escenario, facendo unha reflexión a partir da súa vivencia persoal sobre a esixencia do modelo de beleza ás mulleres. Noso de Os naúfragos trata tamén un tema de absoluta actualidade en Galicia que é o espolio eólico que está a sufrir o país si ningún tipo de respecto polo espazo, pola memoria, etc. Sarabela reflexiona sobre a situación dos traballadores/as precarios, dos traballadores inmigrantes. Contraproduccións teatro presentará Entrega en man, xirando arredor do racismo e a violencia cun texto traducido e dirección de Cándido Pazó que é garantía de éxito. Un percorrido polo mellor do teatro galego. Gustaríanos ter máis xoves no ano para poder traer aínda máis, pero cremos que é un bo panorama do teatro galego e o seu compromiso coa actualidade do país”

XOVES 10 OUT – 21.00h no Teatro Principal  – DeseXo de Talía Teatro

Como foi a nosa educación sexual? Estamos preparados para ter unha sexualidade sa? Sabemos como afrontar as nosas relacións? Somos capaces de educar as próximas xeracións? Onde aprendemos o que sabemos sobre sexo? Intentemos fixarnos nas publicacións, na música, na publicidade…

Vivimos na sociedade do desexo, a máis sexualizada da historia, pero na que todas estas cuestións seguen a seren tabú. DeseXo é un xoguete cómico que aborda todo isto, porque xa vai sendo hora de falar claramente sobre sexo.

Texto orixinal: Diego Rey. Dirección: Diego Rey. Elenco: Marta Ríos e Dani Trillo.

Duración: 65 min

XOVES 17 OUT – 21.00h no Teatro Principal – O ÚNICO QUE VERDADEIRAMENTE QUIXEN TODA A VIDA É SER DELGADA  de ButacaZero

Cunha sinceridade crúa e o seu clásico humor irónico, Carrodeguas aborda neste texto de auto[NON]ficción a relación co seu corpo, marcada pola gordofobia que se respira en calquera recuncho desta apaixonante sociedade da fermosura. Porque por moito que te escondas, a gordofobia sempre está ao teu carón. Sobre todo porque está en ti.

Texto orixinal: Esther F. Carrodeaguas. Dirección: Xavier Castiñeira Elenco: Esther F. Carrodeguas. Duración: 55 min.

XOVES 31 OUT – 21.00h no Teatro Principal – NOSO de Os Náufragos

Nicolás reúne a súa familia para despedirse do espazo no que creceron xuntos, a casa da infancia cun vello ultramarinos-bar que rexentaban os seus pais e no que agora vive Nicolás con María, a súa parella. A expropiación dese lugar, por causa da construción dun parque eólico, é o motivo desta xuntanza. Olivia acode con Rubén, logo de moitos anos sen contacto familiar. As lembranzas doutros tempos, unha visita non esperada, as relacións entre irmáns, a necesidade de mirar ao futuro e a importancia de dar valor ao noso pasado fan de NOSO unha dramedia que visibiliza o conflito xeracional e a sensación de pertenza ao lugar de onde vimos.

Dramaturxia e dirección: Gustavo del Río. Elenco: Daniel Otero, María Roja, Rebeca Vecino, Jimmy Núñez e Sete Eiroa. Duración: 75 min

SÁBADO 2 NOV – 21.00h no Auditorio do Pazo da Cultura  – TERCEIRO ACTO do Centro Dramático Galego

Unha troupe de actrices e actores veteranos reúnese clandestinamente pola noite para emprenderen a que, quizais, sexa a súa última aventura xuntos. Nesta noite revivirán o que non volverá para entender, para modificar, para se reconciliaren co que xa non está, ao tempo que reflexionan sobre o terceiro acto das súas vidas. Xuntos, analizarán o seu legado e proxectaranse tamén no futuro incert. Terceiro acto é unha peza á vez cómica, sombría e fermosa. Un poema escénico sobre a memoria e os soños; un exorcismo, unha celebración da vida e do teatro.

Dirección e dramaturxia: Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, a partir de improvisacións co elenco. Elenco: Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha “Tatán”. Duración: 80 min

XOVES 7 NOV – 21.00h no Teatro Principal – O DRAGÓN DE OURO de Sarabela

Unha noite, nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa, a un mozo chinés dóelle moito unha moa na cociña do restaurante de comida rápida O Dragón de Ouro. Non ten permiso de residencia, nin cartos e non pode ir ao dentista. Os compañeiros deciden arrincarlla. O mozo tampouco atopa a súa irmá desaparecida.

O mozo chinés morre desangrado na cociña do restaurante. Os seus colegas envólveno nun tapiz e tírano ao río, que o leva á súa casa, ata a China, imaxinando o seu derradeiro soño…

Texto orixinal: Roland Schimmelpfenning  Tradución: Catuxa López Pato. Dirección e dramaturxia: Ánxeles Cuña Bóveda. Elenco: Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu. Duración: 70 min

XOVES 21 NOV – 21.00h no Teatro Principal – ENTREGA EN MAN de Contraproducións

Cuarto ruín dun hotel cutre nunha anónima vila americana. Carmichael, un supremacista branco estrafalario e agresivo, ofrece unha recompensa por recuperar a man que lle cortaron de adolescente nun acto de absurda violencia.

O mozo negro Toby e a súa noiva branca Marilyn pretenden enganar a Carmichael ofrecéndolle unha man roubada nun museo e que, polo escura que é, non parece ser a súa.

Mervyn, o recepcionista do hotel, un tipo estrambótico e algo surrealista, intervén en tan insólita transacción e desátase.

Texto orixinal: Martin McDonagh. Versión galega e dirección: Cándido Pazó. Elenco: Evaristo Calvo, María Roja, Santi Romay e Diogo Sales. Duración: 90 min

2024-09-12 15:23:44 29 o-ciclo-ponteatro-regresa-o-10-de-outubro-cunha-seleccion-de-6-obras-galegas-con-dous-pases-para-eso-e-bacharelato

Compartir publicación: