O contrato de residuos, a licitación de Mollavao e Rosalía de Castro, a programación dos Feroz, a adxudicación do parque da Parda, a resolución das subvencións deportivas, a compra da parcela para o edificio de emerxencias ou a programación dun Nadal familiar, son algunhas dos programas e proxectos que están sobre a mesa para ir resolvendo nos vindeiros meses.
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, presentou esta mañá ante os medios de comunicación os proxectos inmediatos do Concello no inicio do curso político. A licitación do contrato de residuos, da reforma de Mollavao e Rosalía de Castro, a adxudicación do parque da Parda, o inicio da programación previa aos premios Feroz ou a de Nadal, son algúns dos exemplos aos que se referiu o alcalde e que demostran «que tomamos nota », tal e como anunciara na súa toma de posesión e no balance do seu primeiro ano como alcalde.
Fernández Lores lembrou que en maio, un ano despois da súa toma de posesión como alcalde, indicaba que era preciso facer cambios no funcionamento do Concello e que estaban « en marcha moitos proxectos e dicía que este mandato podería ser o máis frutífero dos que eu levo xestionando a cidade ».
Tres meses e medio despois, « podemos facer un balance do feito neste tempo, no que se constata desde o meu punto de vista, que Pontevedra funciona mellor en términos xerais. Obviamente, con certas disfuncións, das que somos plenamente conscientes e son mellorables. Estamos traballando nelas, pero, ainda así, a cidade funciona moito mellor ».
Recordou que neste tempo aprobáronse dúas modificacións de crédito: unha en xuño e outra en agosto, de 10 millóns a primeira e de 1,5 a segunda. « Eu quero resaltar e valorar positivamente o voto favorable de todas as forzas políticas », explicou Lores, « houbo un cambio a respeito da actitude que tiña no inicio de mandato e agardo que esta línea se siga sostendo por parte das concelleiras e concelleiros da oposición ».
Tamén lembrou que se iniciou a obra da Santiña, a reforma dos edificios municipais de Churruchaos e do antigo Conservatorio, adxudicouse a redacción do proxecto do Gafos, rematouse Barcelos, « desatascamos as subvencións deportivas, disfrutamos do Campionato de Estapaña de clubs de Tríatlon e do Mundial de Loita ». Fixo referencia a que « vimos de gozar dun verán cultural e festivo impresionante que tivo a Pontevedra de bote en bote » e a que o modelo de Pontevedra segue tendo un interese moi alto como se puido constatar nesta última semana cando « pasaron por aquí medios e institucións de até 4 países distintos: desde Portugal, Corea do Sur, Alemaña e quero resaltar máis é esa entrevista que salirá publicada no New York Times e que é a primeira vez que o New York Times interesa. Eu creo que Pontevedra está de moda ».
Ao respecto do « futuro inmediato » o alcalde indicou que « temos moitos proxectos. Desde logo, para mí, o máis importante é o contrato de residuos domésticos e limpeza viaria ». Está en marcha, pendente dos informes da ONE « e despois tramitarase para sacalo inmediatamente a licitación ». Tamén confirmou que « teño perspectivas razonables de que poidamos licitar e adxudicar o contrato nun plazo razonable de tempo, e que se o conseguimos vai a significar un antes e un despois, unha mellora sustancial, un cambio de paradigma para este servicio no concello ».
Tamén adiantou que « estamos preparando un Nadal familiar especial para este fin de ano; temos en marcha a renaturalización do Gafos; en novembro celebramos o Europeo de Ciclocross que vai a traer a Pontevedra miles de persoas. Temos unha programación previa á Gala dos Feroz para os meses de setembro a decembro; está en tramitación moi avanzada a adxudicación do Parque da Parda, que será o parque máis grande da cidade de Pontevedra, con 33.000 metros cadrados; está aberto o prazo para as subvencións deportivas atrasadas que había de 2023 e de 2024; temos que licitar a reforma de Mollavao e de Rosalía de Castro que tamén é unha inversión moi potente nunha zona que está necesitada; temos que materializar a compra dos terreos para o edificio de emerxencias. E está outro tema que me fai especial ilusión, que é o a iluminación do Burgo e de Lérez ».
« Eu creo que todos estos proxectos constatan que estamos a tomar nota, que estamos dando novos impulsos tanto na capacidade de acción como na iniciativa política e que vai en beneficio de Pontevedra », concluíu o alcalde.
2024-09-12 16:43:24 5 lores-anuncia-un-final-de-ano-cheo-de-proxectos-e-programas-logo-de-tomar-nota-e-de-constatar-que-a-cidade-funciona-mellor