O Concello aproba as tarifas do futuro Coche de Punto e entrana recta final do procedemento para poñelo en marcha 

Os usuarios e usuarias deste futuro servizo pagarían, como máximo, 2,15 euros por viaxe; prezo que pode estar suxeito a distintas bonificacións 

A alcaldesa accidental, Eva Vilaverde, compareceu esta mañá en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Alén dos asuntos que figuraban na orde do día, Vilaverde quixo destacar a aprobación das tarifas do futuro servizo de Coche de Punto.

Tal e como se explicara con anterioridade, había unha proposta de tarifas xa pública que foi mellorada en base a unha alegación realizada desde Amizade, polo que se establecerá unha serie de bonificacións a maiores da que xa estaba establecida na proposta orixinal. 

Incluída a modificación, as tarifas serían as seguintes (IVE incluído):

  • Billete ordinario: 2,15 euros 
  • Billete para menos de 10 anos: bonificación do 100 %
  • Billete para persoas desempregadas: bonificación do 25 %
  • Billete para persoas xubiladas e da terceira idade: bonificación do 40 %
  • Billete para persoas con mobilidade reducida cun grao igual ou superior ao 33 %: bonificación do 50 %

O Concello de Pontevedra asumiría pois os custes destas bonificacións, a baixada de bandeira (3,75 euros por servizo) e o termo variable (1,08 euros por quilómetro). O usuario só pagaría, como máximo, 2,15 euros por viaxe.

Unha vez aprobado este procedemento darase en conta do mesmo no pleno municipal, para logo ser levado até a Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, que é a que deberá autorizar as tarifas de xeito definitivo.

Adquisición dun novo vehículo policial

Doutra banda, a alcaldesa accidental tamén deu conta da aprobación do expediente de contratación para a adquisición dun novo vehículo híbrido para o corpo da Policía Local de Pontevedra.

É un vehículo que moderniza o parque móbil do corpo de seguridade, e que contará con todas as necesidades requiridas para o seu correcto traballo e uso dentro da cidade. O Concello de Pontevedra contará cun orzamento de 55.660 euros para a súa compra e deberá ser entregado nun prazo máximo de entrega de seis meses.

Compartir publicación: