O alcalde, Miguel Anxo Fernández, presentou esta mañá a que xa é a primeira muller en estar ao mando deste corpo de voluntarios e voluntarias
Protección Civil inicia desde xa unha campaña de captación de novos afiliados que se intensificará unha vez remate o verán, con visitas a todos os barrios da Boa Vila
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto coa edil de Protección e seguridade cidadá, Eva Vilaverde, presentou esta mañá á nova presidenta de Protección Civil no concello de Pontevedra, Adelaide Lopes Couto.
«Adelaide é unha muller activa, unha muller solidaria… é unha persoa que podedes atopar en case todos os eventos que se fan na cidade», indicou o rexedor, que lembrou que o corpo de voluntarios e voluntarias de Protección Civil realiza un labor «fundamental» dentro da Boa Vila, axudando alí onde se pode dun xeito altruísta, facendo traballos en distintos eidos que van desde o Camiño de Santiago, á celebración de eventos deportivos, culturais, sociais, etcétera.
Fernández Lores lembrou que a súa boa sintonía coa Policía Local e cos Bombeiros é vital para a cidade, sinalando o aporte económico que o Concello de Pontevedra realiza ao longo dos anos para que os voluntarios conten cunha boa dotación.
Xunto coa presentación de Lopes Couto, tamén foi anunciada unha nova campaña de captación de voluntarios e voluntarias. A nomeada campaña comeza de xeito inminente, mais farase máis efectiva a partir da finalización do verán, intre no que se realizarán visitas aos barrios da cidade, para facela máis visíbel e de xeito máis intenso. A día de hoxe, Protección Civil de Pontevedra conta con 27 persoas afiliadas.
Pola súa banda, Adelaide Lopes Couto, primeira muller que dirixe este corpo, indicou que agarda poder captar máis voluntarios e voluntarias ao longo dos vindeiros meses. «O noso voluntariado é un voluntariado protexido pola Academia Galega de Seguridade. Está na rúa, pero está cunha formación específica e está preparado para facelo», explicou. «Temos que darlle as grazas ao Concello por sempre coidarnos e por darnos todo o material necesario para que podamos colaborar e atender aos cidadáns».