A adquisición deste terreo ten como destino, previsiblemente, a construción do futuro edificio de emerxencias municipal
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá de xoves, 4 de xullo, acompañado polos tres voceiros da corporación municipal de Pontevedra, Eva Vilaverde, Iván Puentes e Rafael Domínguez, trala reunión mantida intres antes na que o Goberno Local presentou a súa proposta de localización para o futuro edificio de emerxencias municipal.
Cómpre indicar que a parcela na que hoxe se quere por parte do Goberno situar este equipamento municipal, sería privada e é coñecida como a parcela de Fenosa da Parda e xa formara parte do estudo destinado a coñecer e valorar as mellores alternativas para situar este futuro edificio. Ademais, no último pleno, a corporación municipal votou de xeito unánime pola construción do mesmo, véndoo como unha necesidade para Pontevedra e a mellora dos servizos públicos.
«A través desta reunión que celebramos hoxe quixemos coñecer a opinión dos portavoces sobre a posibilidade de adquirir un terreo situado na Parda, ao carón do cemiterio de San Amaro», explicou o rexedor. «Son máis de 17.000 metros cadrados, con cinco naves edificadas que teñen en total 5.600 metros cadrados edificados».
O rexedor fía a adquisición deste parcela coa futura construción do edificio de emerxencias municipal, parcela que sería «o lugar ideal para a súa localización pois reúne as mellores condicións segundo o estudo feito: polo tamaño, pola accesibilidade, pola proximidade…». Fernández Lores tamén fixo fincapé en que «hoxe» non é o día para especificar que servizos concretos irán aí ou como se proxectará o asunto o día de mañá —de seguro irá a Policía Local—, perante a posibilidade —que habería que estudar polo miúdo e a todos os niveis posíbeis— de que tamén se instalasen alí os servizos de Bombeiros, Protección Civil ou a Policía Nacional. «Hai espazo, sería suficiente, está catalogado como industrial, pero primeiro temos que adquirir o terreo», sinalou.
O prezo de compra da parcela sería de 1,2 millóns de euros ademais dos gastos derivados da adquisición. Tanto o portavoz do PSOE, Iván Puentes, coma o portavoz do PP, Rafael Domínguez, vén con bos ollos a adquisición desta parcela para o patrimonio municipal. «Quixemos reunirnos para poder tomar a decisión o máis rápido posíbel, consignar unha partida económica e sacar a contratación este terreo», continuou o rexedor. «É unha oportunidade grande, sen unha alternativa real a todos os condicionantes que lle poñemos á parcela que precisamos para albergar este edificio de emerxencias».
Rafael Domínguez indicou que«a priori, cos datos que temos, non non opoñeríamos a esta opción e estamos de acordo. Repito: non nos imos opoñer a unha operación que parece positiva para Pontevedra».
Pola súa banda, Iván Puentes quixo agradecerlle ao alcalde a chamada para procurar o consenso cos diferentes partidos da corporación municipal esta compra, crendo «importante resaltar este exercicio de diálogo e de consenso que sempre reclamamos e que aquí se cumpre». Ademais, o voceiro socialista explicou que «aquí hai dúas operacións: a compra en si desta parcela e a edificación dun futuro edificio de emerxencias coas características que teña que ter». «O Goberno pode contar co grupo socialista e os seus cinco votos para poder adquirir esta parcela que, independentemente, se se fixera ou non o edificio de emerxencias alí, xa sería unha moi boa oportunidade á hora de incorporala ao patrimonio municipal».
A maiores disto, Puentes indicou que «tamén se poden contar cos votos socialistas para facer as modificacións urbanísticas que haxa que facer de cara a poder usala segundo os criterios dos técnicos municipais».