CIta clásica do verán pontevedrés, este 2024 contará de novo con mostra de artesanía e música ao vivo, tendo o seu epicentro na Praza da Ferraría entre os días 12 e 14 de xullo
O Memorial Ricardo Portela cumprirá o seu cuarto de século por todo o alto. Son xa 25 anos honrando a figura dun gaiteiro e mestre lendario no país, e son xa 25 anos onde Pontevedra conta cunha programación que mestura tradición, cultura e ocio no corazón da cidade.
O edil de Festas, Demetrio Gómez, quixo ofrecerlle os seus parabéns a Asociación de Gaiteir@s Galeg@s polo seu labor ao longo de todos estes anos e, por suposto, pola edición que está por vir entre os días 12 e 14 de xullo, na Praza da Ferraría. «A gaita é un instrumento noso, un instrumento que alegra, que levanta o ánimo e que está aí para que gocemos da música», explicou o concelleiro, logo da interpretación dun par de pezas desde a mesma Praza da Ferraría por parte dos Gaiteiros das Rías Baixas, que captaron a atención de todos os presentes.
«Quixemos que, coma sempre, fose nesta praza, que enchese unha das primeiras fins de semana festivas deste verán e que non só fose tocar música nun escenario, senón que toda a praza teña actividade, que haxa pasarrúas, que haxa unha mostra de instrumentos tradicionais e que todo isto chegue até a veciñanza e os visitantes», explicou.
Alberto Pires, en representación da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s, repasou polo miúdo o programa desta edición, destacando que de novo estará presente a mostra de artesanía —que leva xa programándose 22 anos— e que contará con artesáns representativos de todos os instrumentos tradicionais como son Xaneco Tubío, Alberto Pires, Oli Xiráldez, Queima, Xosé Tuñas, Máster Gaita, Lorena Reinaldo, Nebra, Artesanía JMR. Miguel Rivas ou Iago Salgado, entre outras.
A exposición estará aberta de 17.30 a 21.30h (venres) e de 11.30 a 14.00h e de 17.00 a 21.30h (sábado e domingo).
Os pasarrúas tradicionais tamén tomarán as rúas e amenizarán as xornadas da Boa Vila. O venres será a quenda dos grupos Arume de Boiro, Gaiteiros das Rías Baixas, Par de Par e Os Lerenses. O sábado estarán presentes Os Lubicáns, Nós tamén imos, Os Picurruchos e Picuiña. Na derradeira xornada, poderán ser escoitadas as pezas de Cantigas e Frores, Contracocheno, os Enxebres de Cacheiras e Os Xirifeiros.
Doutra banda, todas as xornadas haberá concertos de escenario (na propia Praza da Ferraría):
- Actuación Airiños da Febra (venres)
- Homenaxe a Gabi Mujico e actuación de Caldo(sábado)
- Cantometrics (domingo)