Nesta nova edición a veciñanza poderá entrar como nunca antes entrou no Pazo de Gandarón, San Bartolomeu, os cardíns de Lourizán, San Salvador de Lérez, o Parador e o Teatro Principal
As visitas guiadas precisarán de reserva a través dun formulario en liña que se habilitará o vindeiro 8 de xullo, ás 12.00 horas, na páxina www.patrimonioinvisible.gal
Pontevedra gozará dunha nova edición da Semana do Patrimonio Invisible —a cuarta— este verán. Entre o 11 e o 14 de xullo, será posíbel coñecer espazos un tanto agochados ou ocultos aos ollos da veciñanza, que se articulan a través das rúas, as prazas, os edificios do municipio.
O obxectivo da Semana do Patrimonio Invisible non é outro que ser un ciclo promovido desde a área de dinamización social e cultural do Concello de Pontevedra para abrir as portas de tesouros, habitualmente fechados, e deseñar unha serie de visitas guiadas en pequenos grupos para que os seus usuarios garden na memoria unha experiencia cultural única.
As visitas levan por bandeira dúas premisas: a calidade do discurso narrativo e a protección dos bens culturais que serán visitados. Así, as prazas para cada quenda de visitas son limitadas, e o proceso de reserva precisa de confirmación mediante correo electrónico por parte da organización a cada visitante.
Para facer as reservas é preciso entrar na páxina web oficial www.patrimonioinvisible.gal e completar o formulario de reservas. Co fin de garantir o acceso á actividade ao maior número de persoas, cada solicitante só poderá reservar un máximo de tres visitas para dúas persoas.
O formulario será habilitado a partir do luns, 8 de xullo, ás 12.00 horas.
Que lugares serán visitados nesta edición? Un total de seis:
- O Pazo de Gandarón
A finais do século XVIII o arcebispo Sebastián Malvar comezou a construír na parroquia de Salcedo a súa residencia familiar. Á importancia arquitectónica do pazo súmaselle a do seu xardín. Dende 1928, o Pazo de Gandarón, é sede da Misión Biolóxica de Galicia, entidade vinculada ao CSIC, na que se realizan labores de investigación e estudos agrícolas e forestais.
- San Bartolomeu
Antes de ser parroquia, esta era a igrexa do Colexio da Compañía de Xesús, que hoxe forma parte do Museo de Pontevedra. Un templo de espírito italiano, ao xeito da do “Gesú” de Roma, que conserva un importante legado artístico. Algunhas pezas non están expostas, pero poderemos velas nesta visita especial.
- Os xardíns de Lourizán
Os xardíns de Lourizán, que ocupan unha superficie de 52 hectáreas, conteñen especies dos cinco continentes e foron plantadas ao longo de máis de 130 anos. A contorna do que foi pazo de Montero Ríos está salpicada de pequenas xoias como un pombal, un hórreo, estanques, fontes e escaleiras. De entre todos estes elementos destaca a gran estufa de ferro e cristal.
- San Salvador de Lérez
Sen dúbida, trátase dun dos santuarios de máis sona de toda Galicia. Historia, tradición e devoción mestúranse neste edificio, cuxa fundación remóntase ao século X, momento da fundación do mosteiro. Xa no ano 1661 créase o Colexio de Artes no que estudaron persoeiros tan importantes como Frei Benito Jerónimo Feijóo e Frei Martín Sarmiento. A igrexa actual de estilos barroco e neoclásico, acolle a figura venerada.
- O Parador de Pontevedra
A Casa do Barón acolle o primeiro Parador impulsado en Galicia. Foi residencia dos Condes de Maceda na cidade, e leva as súas orixes ao século XVI. Antes de ser hotel, deulle tempo a ser moitas outras cousas: depósito de sal, parque de bomberos, orfanato, escola e oficina de correos. Preparado/a para coñecer as aventuras vividas neste pazo?
- O Teatro Principal
Sabías que Pontevedra foi unha das primeiras cidades en proxectar cinema? O Teatro Principal foi emblema da modernidade, deseñado por Faustino Flores, rematado en 1878 e que só se podía utilizar por parte dos socios do Liceo. Aínda que hoxe é visitable cando hai programación cultural, na SPI poderás acceder a lugares reservados e descoñecidos para o público.
Que quendas e en que datas se desenvolverán as visitas?:
11 de xullo
- 11.00h – San Bartolomeu
- 12.00h – Xardíns de Lourizán
- 13.00h – Parador
- 18.00h – Pazo de Gandarón
- 19.00h – Teatro Principal
12 de xullo
- 11.00h – San Bartolomeu
- 12.00h – Xardíns de Lourizán
- 13.00h – Parador
- 18.00h – Xardíns de Lourizán
- 19.00h – San Bartolomeu
- 20.00h – Teatro Principal
13 de xullo
- 11.00h – San Bartolomeu
- 12.00h – Pazo de Gandarón
- 13.00h – Parador
- 18.00h – Pazo de Gandarón
- 19.00h – San Salvador de Lérez
- 20.00h – Teatro Principal
14 de xullo
- 11.00h – Pazo de Gandarón
- 12.00h – Parador
- 13.00h – San Salvador de Lérez
- 18.00h – San Salvador de Lérez
- 19.00h – Teatro Principal