Trátase dunha obra que permitirá destapar o río no seu tramo urbano, ao seu paso por Campolongo, e abrirá un novo capítulo no barrio e na cidade a través dun proxecto que contará cun orzamento de máis de dous millóns de euros.
O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliciencia, financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá da Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora. Dentro dos diversos asuntos tratados na orde do día, o rexedor quixo poñer o foco na aprobación do expediente para sacar a licitación o contrato de asistencia técnica para a redacción do anteproxecto e proxecto de execución da acción B1 do proxecto Rede Verde. Recuperación e restauración ecolóxica do tramo urbano soterrado do río Gafos e o seu entorno.
«Mañá será publicado e as empresas terán 15 días hábiles para presentar as ofertas para a redacción do proxecto», indicou. «Trátase dun servizo que contará cun orzamento de 108.625 euros e está incluído dentro do total da execución da futura obra. Terán cinco meses para redactalo, se ben se valorará a redución do prazo. Posteriormente, unha vez presentado o proxecto por parte da adxudicataria, comezará o proceso de licitación da obra».
O custe total do proxecto, é dicir, da obra de recuperación e restauración ecolóxica deste tramo urbano do Gafos, ascende a 2.249.719 euros e conta cunha aportación en forma de subvención, financiada pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation administrados pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para La Transición EcolóGica e el Reto Demográfico do Goberno de España, de preto de 1.766.000 euros, restando unha aportación municipal, aproximada, de medio millón de euros.
«Quero felicitar tanto aos responsábeis políticos como técnicos por sacar adiante esta contratación a través de un traballo de ordenación e priorización», explicou o rexedor. «Hai que lembrar que houbo un parón de catro meses no proceso ao non ter os orzamentos aprobados nun primeiro intre, mais agora, de xeito definitivo, o proxecto para a renaturalización do Gafos, avanzará a bo ritmo».