O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado pola concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e polo concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, mantiveron esta mañá nunha nova reunión informativa que se suma ás que se viñeron celebrando con sectores estratéxicos para anunciar a escolla da cidade como sede das dúas vindeiras edicións dos Premios Feroz (2025-2026).
O sector audiovisual galego foi convocado nesta ocasión a un encontro no que participaron destacados membros da Academia Galega do Audiovisual, a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e o Clúster Audiovisual Galego.
Miguel Anxo Fernández Lores expresou a súa satisfacción polo frutífero diálogo mantido: « É unha honra que Pontevedra sexa a sede dos Premios Feroz. Esta reunión foi fundamental para afianzar a colaboración coas principais entidades do sector audiovisual galego. Xuntos lograremos que esta edición sexa inesquecible e un verdadeiro impulso para a industria galega e para colocar a Pontevedra como unha cidade creativa, aberta e de vangarda ».
Esta reunión marca o inicio dunha colaboración estreita e efectiva, ao tempo que o Concello de Pontevedra avanza na súa determinación por organizar un intenso programa de actividades que a partir do mes de outubro conectará a industria audiovisual coa cidadanía de Pontevedra e que culminará coa cerimonia de entrega dos Feroz 2025 que se celebrará o 25 de xaneiro no Recinto Feiral.