A Mesa de Contratación do Concello de Pontevedra vén de coñecer as empresas que presentaron oferta para a construción do Parque urbano da Parda. As nove empresas anunciadas a semana pasada pola concelleira de Promoción da Cidade e Deportes, Anabel Gulías, son as seguintes:
- UTE Construcciones Ramírez – Construcciones, Obras y Viales (Covsa)
- UTE Constructora San José – El Ejidillo viveros integrales
- Elsamex Gestión de Infraestructuras
- Narom
- Oresa Construcción y Servicios Globales
- Prace, Servicios y Obras
- Construcciones E.C.Casas – Xermolo
- Vilariño ESP
- Xestión Ambiental de Contratas
As constructoras terán que afrontar a creación do novo pulmón verde da cidade que sae a licitación cun importe de 5.533.406,02 euros. Trátase dunha das obras de maior contía que ten xestionado o Concello e unha gran mellora para o barrio de maior crecemento da cidade, pero tamén un novo espazo de lecer, encontro e esparexemento para todos os pontevedreses e pontevedresas, xa que disporá dunha gran zona verde, áreas infantís, miradoiros e até 200 prazas de estacionamento entre outras instalacións.
Unha das grandes sorpresas desta licitación é o número de ofertas que se presentaron. « Quedámonos gratamente sorprendidos », indicaba Anabel Gulías a pasada semana xa que ultimamente a obra pública non tiña tanto eco entre as empresas, tal vez pola difícil situación económica que atravesou o sector meses atrás.
O Concello traballa coa idea de cumprir os prazos fixados polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores de poder iniciar as obras a finais de 2024.