O alcalde, Miguel Anxo Fernández, mantivo unha xuntanza de traballo acompañado dos edís Anabel Gulías e Demetrio Gómez con distintos representantes deste eido en Pontevedra
A economía creativa da Boa Vila experimentou unha positiva explosión nos últimos anos, gozando dun crecemento evidente e consolidándose como un motor económico e social
O Concello de Pontevedra continúa co seu calendario de reunións informativas destinadas a comunicar a sectores estratéxicos a escolla da cidade como sede das dúas vindeiras edicións dos Premios Feroz (2025-2026), cuxo punto culminante será a celebración da gala de entrega dos premios, o vindeiro 25 de xaneiro no Recinto Feiral.
Con estes encontros trátase de establecer unha canle de comunicación directa con axentes sociais chave, achegándolles detalles sobre esta iniciativa e brindándolles a oportunidade para que expoñan preguntas e expresen as súas inquietudes de cara a organizar un intenso programa de actividades que a partir do mes de outubro conectará a industria audiovisual coa cidadanía de Pontevedra.
No encontro, que tivo lugar este luns, participaron o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e os edís Anabel Gulías e Demetrio Gómez, responsábeis de promoción económica e cultura respectivamente, así como diversos representantes e axentes do sector cultural e creativo da cidade.
A economía creativa de Pontevedra, que inclúe tanto o sector cultural como outras industrias baseadas na creatividade e o coñecemento, experimentou un notable crecemento nos últimos anos, consolidándose como un motor económico e social de gran relevancia para a cidade, contribuíndo significativamente á dinamización do tecido social, á revitalización urbana e á atracción de visitantes.
Os premios Feroz, coñecidos por ser a antesala dos Goya e por recoñecer a excelencia na produción cinematográfica estatal, representan unha magnífica oportunidade para que A Boa Vila se proxecte como un referente en talento e creatividade. O compromiso do Concello e a participación activa de todos os sectores implicados auguran un éxito rotundo para esta celebración, que reforzará a posición de Pontevedra como unha cidade de vangarda que vive e respira cultura.
A elección de Pontevedra como sede dos premios Feroz durante dous anos (2025-2026) é un recoñecemento ao esforzo constante da cidade por fomentar e apoiar as actividades e industrias culturais. Este evento non só achegará unha importante visibilidade mediática, senón que tamén xerará un impacto económico positivo, grazas ao turismo e á atención que atraerá, tanto na cerimonia de entrega dos premios como nas actividades paralelas previas que se están a elaborar nestes momentos.
Durante as próximas semanas, continuarán as reunións informativas, desta volta involucrando a outros ámbitos fundamentais como empresas locais, institucións educativas e asociacións, cuxa colaboración permitirá converter este evento nunha experiencia enriquecedora e memorable tanto para os profesionais do cinema como para a cidadanía.
Nacidos cunha vocación itinerante, irreverente e rompedora, os premios Feroz recoñecen a excelencia e a calidade na produción cinematográfica e televisiva en España. Organizados pola Asociación de Informadores Cinematográficos de España (AICE), estes galardóns destacan tanto a películas como a series, premiando á mellor interpretación feminina e masculina, dirección, guión e outras categorías destacadas. Desde a súa primeira edición en 2014, os Feroz consolidáronse como un referente na industria, proporcionando unha plataforma para a promoción do cinema e a televisión españois.