O edil de Obras urbanas, César Mosquera, deu conta das últimas novidades da reforma, que continuará con normalidade ao tempo que se documenta este achado
O concelleiro de Obras urbanas, César Mosquera, compareceu en rolda de prensa para dar conta das últimas novidades ao redor da reforma integral que se está a efectuar na rúa da Santiña.
O edil explicou que xa apareceu o pavimento orixinal do viario, que até o de agora non fora localizado. «Está como un metro vinte por debaixo da cota actual. Hai restos de panos, un enlousado bastante regular», indicou. «Apareceu o venres e estiveron os nosos técnicos estudando, xunto co noso arqueólogo, amais de tres técnicos da Xunta. Está nunha situación moi irregular, dependendo do espazo onde se atope. Nalgúns sitios está medio ben, noutros está destrozado. Que se fai con el? Baixar a cota da calzada agora mesmo sería deixar as entradas das fincas e das casas totalmente descolgadas».
Tal e como explicou Mosquera, a idea, «tal e como se comentou alí», é que se documente e que siga co curso normal da obra. «É imposíbel recuperar este pavimento. Se fose algo espectacular e de importancia a súa recuperación… habería que pensalo, pero de momento non foi o caso. Documentarémolo e seguiremos co proxecto, quitando a contorna do lavadoiro que apareceu como xa sabedes».
No referido a ese lavadoiro —semella ser do século XIX—, os técnicos da Xunta de Galiza solicitaron un proxecto de posta en valor e recuperación do mesmo, pois está nun estado «relativamente bo», e mesmo ofrecería un plus á ruta xacobea que por aquí pasa.