Comezarán o día 19 de xuño coa colocación da faixa multicolor no balcón da Casa Consistorial, e continuarán dende o 23 ao 29 de xuño con unha grande oferta de propostas formativas, culturais e de lecer.
Pontevedra vivirá do 23 ao 29 de xuño unha nova semana de reivindicación dos dereitos sociais, dos dereitos LGBTIQA+, cunha ampla programación do Orgullo. A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías acompañada do concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez e do voceiro de Avante, Diego Feijoo, presentaron a programación do Orgullo Pontevedra 2024 no local Rumore, da rúa Virxe Peregrina.
O voceiro de Avante Pontevedra, Diego Feijoo, explicou ao respecto da programación deste ano que « seguimos apostando por unha combinación de cultura, formación, festa e reivindicación. O Orgullo Pontevedra 2024 serán sete días de intensa actividade que comenzaremos o 23 de xuño cun vermú de programa Pinto de Maragota, no Campiño para celebrar un San Xoán diverso cunha DJ e petiscos ».
A programación continuará o luns 24 e o martes 25 coa actividade Contos de Cores na libraría Seijas. O mércores 26 e xoves 27 a Casa das Campas acollerá os encontros do Orgullo Pontevedra para falar de realidade non-binaria con Né Barros e Max Suárez da Asociación Arelas ou unha nova edición de referentes con Guillermina Domínguez. Outra temática será: familias diversas.
O venres 28, Día do Orgullo LGBTIQA+, Avante LGBT farálle unha homenaxe a María del Carmen del Valle, mestra lesbiana de Cerponzóns que deixou pegada na comarca.
Rematarase cunha gran festa do Orgullo o sábado 29 de xuño, que este ano se muda ao Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e até a madrugada. Iníciase cunha sesión vermú coa actuación de Ana Talibana. Tamén haberá unha sesión DJ durante a tarde con Duendeneta e para rematar, na noite, habrá un concerto de Londreira e e pechará a festa a DJ, Señora DJ.
As oito da tarde sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra con lema « Avanzar en Dereitos ».
Ademais, dende o día 24 ao 28 terá lugar unha nova edición de Ambienta, Mostra de Cinema LGBTIQA+, de Pontevedra, que en breve presentará a edición deste ano.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías explicou que dende o Goberno acordouse « unificar » as áreas que estaban levando as actividades de Igualdade « e facer unha única programación para celebrar que esta cidade é diversa e moi orgullosa ». Agradeceu a colaboración de Avante xa que « non tería sido posible organizar unha programación tan completa sin eles, sin elas ».
Indicou que « para nós os actos de orgullo non son unha efemérides nun calendario, é unha declaración de intencións do que é Pontevedra. Pontevedra é hoxe unha cidade moderna, acolledora e plural, unha referencia en moitas cousas, e tamén unha referencia na loita polos dereitos sociais das persoas ». Anabel Gulías anunciou que « este ano quixemos cargar políticamente, significar políticamente, estes actos. Son unha festa para celebrar entre todes, pero tamén unha declaración de intencións na defensa e no avance dos dereitos sociais das persoas ».
A concelleira de Igualdade explicou que dende a área de dinamización sociocultural faise unha proposta « formativa e informativa durante todo o ano ». Fixo repaso de programas como Pinto e Maragota « o primeiro programa de diversidade sexual que se leva a cabo neste Concello » ou as actividades nos centros de ensino.
Tamén referiuse á faixa reivindicativa que se instala cada ano no balcón da Casa Consistorial. Fixo un convite á toda pontevedra para que acompañen este acto que será o vindeiro 19 de xuño ás 20.00 horas « para que todo o mundo se achegue e celebre, e tamén reivindique ».