Search
Close this search box.

O alcalde visita a reforma da rúa Domingo de Andrade que afronta a fase de pavimentación da calzada 

Fernández Lores achegouse xunto a Xaquín Moreda a ver o resultado da intervención que transforma a rúa garantindo a accesibilidade peonil, a substitución das tubaxes dos servizos soterrados, novas beirarrúas, preinstalación para novo alumeado, pavimentación e nova sinalización horizontal e vertical. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lore visitou esta mañá as obras de mellora da rúa Domingo Fontán, situada ao pé da igrexa de Santa María, e que une a rúa do Ouro con Xofre de Tenorio, no momento en que se procedía ao asfaltado. Fernández Lores recoñeceu que «esta é unha rúa que estaba en condicións urbanísticas lamentables, sen espazo público, sen beirarrúas, que estaba ocupada por coches de xeito indiscriminado… » e que cambiou a súa fisionomía polo que agora « garante a accesibilidade peonil ».

O alcalde lembrou que da obra fíxose cargo o departamento de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda e que hoxe o acompañaba na visita xunto aos técnicos municipais e os da empresa responsable do mantemento urbano. Fernández Lores recoñeceu que a Moureira « é un barrio que precisa moitas melloras e que vai ter un cambio importante cando se faga toda a urbanización do Teucro. Imos pouco a pouco pero seguimos na liña de mellorar a calidade de vida dos veciños, vivan onde vivan. Esa é a idea ».

A intervención na rúa Domingo de Andrade renova todos os servizos soterrados e mellora a accesibilidade dende o entronque da rúa do Ouro até Xofre de Tenorio. Instalouse unha nova canalización de auga potábel coa instalación dunha tubaxe de 100 mm en fundición dúctil e reconstruíronse as acometidas de auga. Fíxose unha reserva de alumeado e preinstalación de reserva de telecomunicacións e de rede eléctrica. 

As novas beirarrúas, até o de agora inexistentes, fixéronse en formigón varrido en cor gris delimitadas cun bordo en pedra que segrega os espazos peonís da calzada. Evita que os vehículos estacionen diante das fachadas dos edificios.

Na xornada de hoxe acometíase o aglomerado da rúa e está pendente a nova sinalización horizontal e vertical. Os sentidos de circulación mantéñense como na actualidade.

Compartir publicación: