A Alameda de Pontevedra será escenario da primeira edición dunha xornada colaborativa e ecléctica que xuntará a máis de 400 crianzas de distintos proxectos formativos da cidade
Unha xornada de reflexión, discusión e formación sobre diversidade e equidade no mundo da música e da cultura servirá de limiar ó Incode Fest, un festival heteroxéneo e colaborativo que reunirá na Alameda a máis de 400 nenos e nenas de distintos proxectos educativos da cidade unidos por unha paixón compartida: a música. Na escena, xunto a eles, artistas e grupos convidados.
Esta nova proposta cultural —que se estenderá do 29 de maio ao 1 de xuño— pon o foco na diversidade, a inclusión e a equidade. Está organizada por ArteCalavera e conta co apoio do Concello de Pontevedra, a través das concellerías de Cultura e de Benestar Social.
A xornada formativa que marcará o inicio do Incode Fest desenvolverase, ao longo do día 29, na Facultade de Comunicación de Pontevedra e incluirá: faladoiros, presentación de distintos proxectos, formación e recursos para a aula, ademais dun obradoiro de electrónica musical con Mateo Mena.
Na sesión da mañá darase a coñecer iniciativas guiadas pola aposta a prol da diversidade, igualdade e inclusión na formación e no camiño profesional como Igualarte, MusicForall ou San Xerome de Emiliani: Xerock. E tamén presentarase o novo proxecto de Voces Ocultas, a proposta de docencia e xeración de equipos creativos inclusivos está detrás da curtametraxe Aruna, que se proxectará na sala. Trátase dunha peza audiovisual, amadriñada pola Concellería de Benestar Social e o Estudo Bonobo, que contou coa colaboración de usuarios/as das asociacións Amencer, Amizade, Xuntos, e Juan XXIII.
Xa pola tarde, as palestras centraranse no eido educativo, en como traballar (enfoques e metodoloxías) na ensinanza musical inclusiva con alumnado con NEE (necesidades educativas especiais). Os participantes coñecerán experiencias e proxectos desenvolvidos con nenos e nenas con TEA (trastorno de espectro autista) e diversidade sensorial.
O 30 de maio serán estreadas as Bonobo Live Sessions, que este ano homenaxearán un disco de Fletwood Mac. Xa o 31 de maio, e o 1 de xuño, a música en directo ocupará a Alameda e collerá todo o protagonismo do Incode Fest.