Search
Close this search box.

O Concello traslada ao barrio de Monte Porreiro a campaña de asfaltados na cidade 

Xa se asfaltaron tramos en mal estado de Blanco Porto, Leiras Pulpeiro, avenida de Vigo, Sagasta, Benito Corbal, José Millán, e entre hoxe e o mércores paviméntase avenida de Bos Aires, Eirín, Alemaña e Reino Unido.

A Policía Local pon en marcha plans de tráfico específicos. 

A Concellaría de Servizos urbanos básicos, que dirixe Xaquín Moreda, continúa adiante coa primeira fase de asfaltados das rúas da cidade, logo do paso do inverno. Tras rematar as pavimentacións en Blanco Porto, Leiras Pulpeiro, avenida de Vigo, Sagasta, Benito Corbal e José Millán, continúa hoxe coa avenida de Bos Aires e o barrio de Monte Porreiro.

Esta mañá pavimentouse a avenida de Bos Aires, entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes; e a rúa Eirín de Monte Porreiro que se asfalta completamente entre as 11.30 e as 16.00 horas logo da recente instalación do saneamento e acondicionamento dunha parcela pública como estacionamento en superficie. Pola tarde está previsto o fresado dalgúns treitos da rúa Alemaña entre as 16 e as 20 horas. O asfaltado está planificado para o martes, 28 de maio, entre as 8 e as 15 horas.

Os traballos en Monte Porreiro continúan mañá, martes, 28 de maio, na rúa Reino Unido co fresado de parte da rúa. O asfaltado está previsto para o mércores, 29 entre as 8 e as 14 horas.

O departamento que dirixe Xaquín Moreda recorda que a repavimentación consistirá no fresado e asfaltado ben de rúas completas ben de panos de rúas que se atopan en mal estado.

Ao igual que no centro do casco urbano, no barrio de Monte Porreiro a Policía Local tamén ten en marcha plans de tráfico específicos en cada caso.

Compartir publicación: