Search
Close this search box.

O Concello instalará tres bolardos extraíbles na rúa Peregrina para evitar o tráfico de paso innecesario cara a glorieta de Compostela 

Tal e como anunciou o edil de Mobilidade, César Mosquera, é unha medida temporal que procura corrixir que a rúa se utilice como un atallo para os vehículos que circulan na zona 

O edil de Mobilidade, César Mosquera, anunciou este martes a instalación duns novos bolardos extraíbles na rúa Peregrina para impedir o tráfico rodado de paso cara a glorieta de Compostela desde a rúa Daniel de la Sota, García Camba ou a mesma Peregrina.

«Sempre estamos estudando que acontece co tráfico e a convivencia peonil en certos sitios», lembrou o concelleiro. «Se ben na pandemia, coas súas consecuencias, puido haber certa relaxacións con certos vehículos, como poden ser os de reparto, debemos axudar a cortar certas situacións que están enquistadas, que non se solucionan con controis policiais ou o que sexa, polo que cómpre tomar medidas físicas».

Así, os servizos técnicos do Concello instalarán nos vindeiros días tres bolardos extraíbeis na rúa Peregrina, pouco despois do cruce entre García Camba, Peregrina e Daniel de la Sota, cara a glorieta de Compostela. «Detectamos, e creo que todo o mundo así o percibe, que entre a praza dos nenos e este cruce pasan unha alta cantidade de furgonetas que utilizan de atallo este tramo».

As consecuencias desta decisión ao volante, alén de que non estea permitida, son dúas: a rotura habitual de lousetas na nomeada rúa e os problemas de seguridade que provoca o paso de vehículos nunha rúa non preparada para isto. «Non é de recibo, pois sabemos que moita xente que sae dun portal ou dun comercio xa tivo algún susto», explicou Mosquera.

«Transitoriamente imos colocar estes tres bolardos extraíbles e tratar de corrixir a situación. Non corrixe a problemática das motos, que seguirán controlándose coa Policía Local, pero é un paso cara o control deste espazo para resolver os problemas de convivencia que se están a dar na zona tal e como pasou antes noutros puntos da cidade», indicou o concelleiro. «Que vemos que a cousa mellora? Pois os quitamos xa que os condutores saberán que non poden pasar por aí».

Compartir publicación: