Search
Close this search box.

O alcalde inicia en Bora e Marcón unha ronda de visitasaos obradoiros de memoria municipal en barrios e parroquias

Os talleres que impulsa a Concellaría de Benestar Social, que xestiona Anabel Gulías, estanse a desenvolver en centros sociais de Marcón, Tomeza, Salcedo, Mourente, Lourizán (Estribela), Lérez e Ponte Sampaio e nos locais veciñais Centro Sur, A Parda e San Roque.

Son unhas 275 persoas maiores de 60 anos que paticipan nesta actividade enmarcada na dobre aposta que fai o Concello a prol do envellecemento activo e da dinamización comunitaria. 

O alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, acompañados da concelleira responsable do rural, María José Abilleira, visitan esta tarde os obradoiros de memoria  que se están a desenvolver nas parroquias de Bora (Centro social do Salgueiral) e Marcón (Casa da Cultura) no marco da programación de actividades dirixidas aos maiores que promove o Concello.

É a primeira visita dunha xira que os levará ata os doce centros sociais onde se están a desenvolver os obradoiros que se veñen celebrando, de xeito continuado, dende hai anos e que contan cunha grande aceptación por parte da veciñanza, que nesta cita tece ou estreita lazos de amizade e pertenza.

A actual edición dos talleres de memoria que impulsa a Concellería de Benestar Social botou a andar en febreiro nunha ducia de centros sociais e veciñais das parroquias de Bora, Marcón, Tomeza, Salcedo, Mourente, Lourizán (Estribela), Lérez, Ponte Sampaio e A Canicouva ademais de nos locais sociais urbanos: Centro Sur, A Parda e San Roque. A actividade manterase ata a derradeira semana de maio.

Os obradoiros, organizados en colaboración coa asociación Acolle,  artéllanse en quince sesións semanais, dunha hora e media de duración e van dirixidos a persoas maiores de 60 anos sen problemas de memoria asociados a algún tipo de demencia.

Malia que os grupos están pensados para 20 persoas, a experiencia demostra que non é un tope ríxido. Na pasada edición – na que participaron un total de 248 maiores- os grupos flutuaron entre os 16 e 32 asistentes. Neste primeiro semestre do 2024 constituíronse grupos de entre 14 e 33 persoas, ata sumar 275 inscricións.

Nos talleres de memoria en marcha os participantes traballan, dun xeito lúdico, os recordos o que lles axudará a construír e compartir as súas biografías; aprenden sinxelas regras mnemotécnicas, útiles para a vida cotiá (non esquecerse do contido da lista da compra, citas médicas, familiares ou persoais ou tarefas que facer); ademais de realizar xogos e actividades pensadas para centrar a atención e fomentar as habilidades comunicativas.

Estimulación cognitiva, habilidades memorísticas, comunicación oral, socialización e identidade comunitaria van da man nunha actividade enmarcada na aposta que fai o Concello de Pontevedra a favor do envellecemento activo e a dinamización social das parroquias.  Unha aposta que non perde de vista a realidade que moldea o noso presente e futuro: na capital do Lérez viven 24.815 persoas maiores de 60 anos -14.462 mulleres e 10.353 homes-, unha cifra que supón case o 30% do censo municipal.

Compartir publicación: