Incluídos nos orzamentos do 2024, no anexo de investimentos, figura a renovación da iluminación no Burgo e Lérez, a renovación da nave de piragüismo, o proxecto do novo parque da Parda, a reforma da planta baixa da Casa Consistorial e a execución das obras para reformar a parcela sobre a vía do tren na rúa 12 de novembro
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explica que con este acordo se inicia a tramitación para a sinatura dos distintos convenios
O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, compareceu esta mañá para informar das últimas novidades respecto ás obras proxectadas polo Concello de Pontevedra que contarán con subvención da Deputación de Pontevedra para este 2024.
O rexedor lembrou que no pasado mes de setembro mantivo unha reunión institucional e de traballo co presidente da Deputación, Luis López Lugués, na que se confirmara a vontade do mesmo de manter unha liña de colaboración co Concello de Pontevedra, naquel intre debullada na forma de 2,5 millóns de euros, tal e como se viña Facendo en anteriores anos entre ambas as dúas institucións, «sen desbotar a posibilidade de que houbese outros proxectos que implicasen as dúas administracións e incrementar esa cifra».
Fernández Lores explicou na súa intervención que xa tiña a confirmación de que a Deputación cumpriría a súa palabra e subvencionará diversos proxectos recollidos nos orzamentos do ano 2024, no anexo de investimentos. «Hai, polo tanto, un compromiso de traballar de xeito conxunto para executar estas obras do Concello de Pontevedra e iniciaremos a tramitación correspondente», indicou o alcalde. «O Concello pasaralle á Deputación a proposta de convenios para que se vaian asinando e así sexan aprobados».
As obras recollidas neste acordo, de maior a menor contía económica son as seguintes:
- Mudanza e mellora de iluminación no barrio do Burgo e da parroquia de Lérez (1.400.000 euros)
- Renovación da nova nave de piragüismo nas Corbaceiras (400.000 euros)
- Creación do Parque da Parda (400.000 euros)
- Execución da obra da parcela sobre as vías do tren na rúa 12 de novembro (200.000 euros)
- Reforma da planta baixa da Casa Consistorial (100.000 euros)
«Son cifras que suman preto de 2 millóns de euros, que poden sufrir algunha variación unha vez definidos ao cen por cen os convenios que serán presentados para a súa sinatura conxunta», subliñou Lores. «Quero valorar positivamente o cumprimento da palabra dada polo presidente da Deputación na xuntanza mantida hai algúns meses e a partir de agora iniciamos ese proceso que rematará coa sinatura duns novos convenios coa institución provincial para este 2024».