O Concello de Pontevedra colabora coa Asociación Española Contra o Cancro na posta en marcha de varios roteiros que transcurrirán por distintas zonas verdes da Boa Vila
A edil de Benestar Social, Anabel Gulías, lembrou na presentación destas andainas os beneficios da actividade física nos doentes con cancro
A edil de Benestar social, Anabel Gulías, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa co fin de presentar as nova Rutas Saudábeis organizada pola delegación en Pontevedra da Asociación Española Contra o Cancro.
A concelleira pontevedresa compareceu acompañada da traballadora da AECC e responsábel deste proxecto, Lola Andújar, lembrando que o Concello de Pontevedra ten unha «estreita relación coa AECC en Pontevedra e estamos moi contentas de que esta colaboración poida dar froitos como pequenos proxectos que se están a poñer en marcha».
A iniciativa de Rutas Saudábeis, segundo Gulías, ten dúas patas fundamentais como é por un lado a visibilización dun colectivo que trata de axudar ás persoas doentes de cancro, xa non só no tránsito da enfermidade, senón tamén divulgando e ofrecendo información decotío e recadando apoio económico para a investigación. Doutra banda, aparece a actividade física, «fundamental para as persoas doentes de cancro».
Para finalizar, a edil anunciou que o Concello continuará a súa colaboración coa AECC e que «moi pronto daremos conta dalgunha que outra novidade interesante, sendo este un camiño a percorrer por todos e todas».
Andújar agradeceulle ao Concello de Pontevedra a súa colaboración na posta en marcha destas andainas semanais, así como «a súa boa disposición sempre coa asociación». «As Rutas Saudábeis volven a Pontevedra na súa quinta edición», lembrou. «Ao longo destes anos e das diversas edicións, máis dun cento de persoas puideron gozar das mesmas, mesturando apoio, ocio e creando un sentimento de comunidade».
A traballadora da asociación sinalou que desde o colectivo se tentan promover hábitos de vida saudábeis co obxectivo de incrementar a actividade física das persoas máis sedentarias, habendo centos de estudos que establecen e fixan as ventaxas e beneficios da actividade física fronte ao parón total na vida das persoas.
«As rutas son accesíbeis para toda a poboación, mais os pacientes oncolóxicos deberán presentar unha autorización médica», explicou Andújar. Trátanse de seis itinerarios de ente 5 e 6 quilómetros, cunha duración aproximada dunha hora ou hora e media e pasan por diferentes zonas verdes da cidade, coma o Gafos ou a Illa do Covo. Estarán guiadas por unha ou dúas persoas voluntarias, contando puntualmente con outras entidades deportivas e culturais para tematizar algúns dos roteiros.
O punto de partida será sempre a Praza de Galiza, dando comezo o 1 de febreiro, a través de dúas sesións: ás 10.30 horas e as 17.00 horas —os horarios repítense cada semana—, e seguirá así durante 12 semanas en total.
«Queremos fomentar a actividade física a medio e longo prazo, non é algo puntutal, polo que todas as persoas que se anoten deberán facelo para todos os roteiros», subliñou a traballadora. «Quen complete o 70 % das rutas ou máis, recibirán unha recompensa. As persoas interesadas poden inscribirse no número de teléfono 900 100 036 ou de xeito presencial no local da delegación na rúa Eduardo Pondal».