A empresa Civis Global foi a que obtivo a mellor puntuación na valoración técnica, presentando un orzamento de 1.811.898,17 euros. Agárdase que a obra se inicie a comezos do ano 2024.
O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostible.
O edil e presidente da comisión de Infraestruturas, mobilidade, servizos e obras; César Mosquera, ofreceu hoxe unha comparecencia para informar dos últimos avances no proxecto de reforma urbana da rúa da Santiña. Tal e como explicou o concelleiro, esta mañá de martes, 5 de decembro, foi celebrada unha nova mesa de contratación en relación con esta obra, na que foi aprobada a proposta de adxudicación para a realización da mesma, polo que agora restaría «requirir a documentación e arrancar».
Mosquera informou que a licitación do proxecto se situaba nos 2.159.850 euros, presentándose seis empresas para a acometida da reforma. Logo da valoración técnica dos distintos criterios, a empresa con mellor puntuación foi Civis Global, con 98,50 sobre 100, sendo así a empresa escollida para a adxudicación, que finalmente será realizada por 1.811.898,17 euros.
«Hoxe mesmo será colgada a acta e lle será requirida á empresa toda a documentación necesaria, polo que agardemos quede o camiño despexado para que a finais de ano quede asinada a acta e, a principios do ano que vén, poidamos ver iniciada a reforma da Santiña», sinalou o edil.
A reforma desta rúa mudará a contorna dos 800 metros que mide este vial, modernizando o lugar, outorgándolle un carácter peonil e renovando todos os servizos da zona.
Primeira mesa de contratación para o proxecto de instalación de cámaras en relación coas ZBE
Doutra banda, Mosquera tamén puido ofrecer novas informacións en relación as zonas de baixas emisións (ZBE), no referido a acción de instalación de distintas cámaras para mellorar os fluxos de tráfico a motor e peonís na cidade.
Así, foi celebrada a primeira mesa de contratación deste proxecto. «Agardamos que se complete hoxe o proceso. Trátase dunha intervención cun orzamento de licitación de 1.524.412 euros», lembrou o edil, adiantando que as ofertas recibidas baixan «bastante» este prezo. «Unha delas, por exemplo, ofreceu ao redor de 1.000.500 euros».
«Sexa como for, podemos dicir que chegamos a tempo, antes de rematar o ano, e poidan ir cumprindo os prazos para arrancar e seren xustificados os fondos europeos para a súa realización», finalizou o edil.
Ambos proxectos están cofinanciados polas axudas aos municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostíbel do transporte urbano, xestionadas polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea.