Lores: “Etiqueta negra representa o rural produtivo, a calidade dos produtos primarios, a innovación e o traballo” 

O alcalde inaugurou esta mañá no Recinto Feiral a feira do gourmet galego que conta 80 expositores de distintos produtos.

Etiqueta negra celebrará o vindeiro luns un encontro entre produtores, expositores, tendas gourmet e alumnos de restauración. Ademais, será a sede da reunión do Cluster da alimentación. 

A sétima edición de Etiqueta negra gourmet quedou oficialmente aberta esta mañá no Recinto Feiral de Pontevedra logo da inauguración realizada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado da concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías así como representantes doutros grupos políticos municipais e doutras institucións e entidades que colaboran na súa organización.

O alcalde recoñeceu estar “orgulloso” de que Pontevedra “sexa durante estes tres días o centro do gourmet galego e que haxa 80 expositores que representan a potencia dun rural produtivo, da calidade excepcional dos produtos primarios, da innovación e do traballo”. Auguroulle un “futuro explendoroso” á feira.

Dixo gustarlle especialmente o último dos tres días de duración de Etiqueta negra, o luns 13 de novembro, “porque hai unha interrelación entre productores, expositores, tendas gourmet” e arredor de 1.000 alumnos que estudan restauración en distintos puntos de Galiza. Ademais, anunciou que está prevista a reunión do Cluster da alimenación de Galicia, “e esta relación vai a permitir que Etiqueta Negra siga crecendo”.

Tamén colocou a Etiqueta negra como reclamo turístico de Pontevedra porque “permite facer turismo de proximidade e agardo que coñezan productos novos e que signifique pulo grande para o sector primario e a gastronomía deste país”.

Pola súa banda, a concelleira de Promoción económica, Anabel Gulías destacou o bo resultado desta edición dende o primeiro minuto, xa que cando Etiqueta negra abriu as súas portas ás 11.00 da mañá xa entraron visitantes. Indicou que a feira é un exemplo de que “Galicia é capaz de comercializar” e quixo agradecer especialmente ás tres empresas locais implicadas na súa organización: Trisquelia, ERA comunicación e OVO comunicación.

Finalmente, recordou que Etiqueta negra é posible grazas ao empeño do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores “verdadeiro impulsor da feira e que me ensino a ter confianza na nosa capacidade como galegos e no gourmet galego”.

Logo da inauguración, o alcalde visitou os expositores da Feira e brindou xunto ao resto de entidades organizadoras cunha copa de Estrella Galicia, patrocinador do evento.

Compartir publicación: