O proxecto está cofinanciado polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática para a transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais.
Os órganos municipais de Xestión Tributaria e Xestión Contable son os primeiros beneficiarios do proxecto da infraestrutura de robotización de procedementos administrativos, un chanzo adiante na aposta do Concello de Pontevedra pola modernización da administración.
O proxecto está cofinanciado polas axudas á transformación dixital e modernización das administracións das entidades locais xestionadas polo Ministerio de Política Territorial y Memoria Democrática, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationeEU da Unión Europea.
A robotización de procedementos, cun custe global de 81.941,60 (IVE engadido) artellouse en dúas partes: a implantación dun bus de servizos, acometida pola empresa OPTARE SOLUTIONS SL e a robotización de procedementos administrativos, a cargo da firma STRATESYS TECHNOLOGY SOLUTIONS SL.
O bus de servizos supuxo a creación dun punto centralizado para o consumo e monitorización de todas as demandas das distintas aplicacións que constitúen o ecosistema de información municipal. Unha arquitectura que facilita a integración entre aplicacións de back-office municipais e os servizos comúns da administración electrónica. Con el pasan a ser accesibles os servizos web de distintas aplicacións e homoxéneo o acceso a fontes de datos heteroxéneas.
Polo que respecta á robotización -produción dun robot software- elixíronse catro casos de uso encamiñados a dous servizos: Órgano de Xestión Tributaria e Órgano de Xestión Contable. Foron os seguintes: proceso transmisión ANCERT, comprobación limitada, remisión BONS, verificación datos de expedientes e transferencia do control horario.
En todos os casos conseguiuse automatizar tarefas administrativas que un funcionario viña realizando de forma repetitiva e que teñen un algoritmo de execución claramente definido. A través da tecnoloxía RAP o sistema pode realizar e repetir esas tarefas e dar conta do feito.