Aprobadas as contratacións da reforma da Santiña e da instalaciónde cámaras e sensores ambientais na cidade

Os proxectos están cofinanciados polos fondos NextGenerationEU da Unión Europea e xestionados polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostible. 

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta esta mañá de venres, 22 de setembro, dos distintos asuntos tratados na Xunta de Goberno Local celebrada a primeira hora da mesma. O rexedor quixo destacar a aprobación dos expedientes de contratación dos dous proxectos con cargos a fondos europeos – NextGeneration- para Zonas de Baixas Emisións (ZBE) como son a reforma integral da rúa da Santiña (2.159.850 euros) e a instalación de cámaras para medicións e estudo de tráficos na cidade (1.524.000 euros). 

«Desde a confirmación do financiamento europeo para estes proxectos foron sacados a contratación en tempo récord, polo que o edil responsábel de Contratación quixo facer constar, en Xunta de Goberno, o seu agradecemento a toda a administración municipal por facelo posíbel», indicou o rexedor. 

Ambos proxectos están cofinanciados polas axudas aos municipios para a implantación de zonas de baixas emisións e transformación dixital e sostíbel do transporte urbano, xestionadas polo Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado. Este Plan de recuperación está financiado por fondos NextGenerationEU da Unión Europea. 

Compartir publicación: