Fernández Lores e Luís López mantiveron esta mañá un encontro na Alcaldía na primeira visita institucional que o presidente provincial fai a un concello da provincia. Antes da reunión asinou no libro de honra de Pontevedra.
No encontro confirmaron a continuidade dos convenios como Santa Clara, Museo, Xunqueira de Alba, Mollavao, vial de Montecelo… ademais da colaboración económica anual para proxectos municipais como se vén realizando nos últimos 24 anos.
O alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores recibiu esta mañá na Alcaldía ao novo presidente da Deputación, Luís López que xirou visita á sede de Michelena 30 logo da petición de entrevista solicitada polo rexedor de Pontevedra para abordar as futuras relacións entre ambas institucións. O alcalde agradeceu o compromiso de Luís López por manter os investimentos previstos na cidade como Santa Clara ou o Museo, pero tamén de continuar coa colaboración económica anual que a Deputación viña tendo co Concello de Pontevedra nos últimos 8 anos.
O alcalde agradeceu que Pontevedra fose o primeiro concello ao que visita o presidente provincial, que tamén “é entendible dado que é a capital da provincia e onde se atopan a sedes principais da institución”. Ademais recordou que na cidade se celebran moitas actividades da Deputación.
“Estou moi satisfeito porque vai a seguir existindo colaboración”, confirmou o alcalde quen se adiantou que os proxectos do Museo e de Santa Clara “van a seguir adiante como estaba previsto”, así como todos os convenios que están asinados coa institución provincial, dende a variante de Montecelo até o acceso de Mollavao, entre outros.
Lores lembrou a histórica colaboración entre o Concello e a Deputación, cando menos nos últimos 24 anos, que se materializara nos últimos mandatos nun acordo dun investimento de 2,5 ou 3 millóns de euros ao ano en proxectos específicos. Esta colaboración “vai a seguir en proxectos de interese municipal e con achegas semellantes”, indicou o alcalde, quen recoñeceu estar “encantado coa compresión do posicionamento do Concello” polo que concluíu que “valoro moito esta reunión”.O presidente da Deputación, Luís López afirmou que as relacións entre as dúas institucións non estarán guiadas pola crispación e confirmou, en concreto, a continuidade dos proxectos de Santa Clara, Museo de Pontevedra e A Xunqueira de Alba.