Até 13 postos distintos, con diferentes mostras e venda de produtos, estarán presentes no centro da cidade até o 6 de agosto, en horario de 11 a 14 horas e de 19 a 22 horas
A Feira de Artesanía Chalana chega a súa decimosexta edición convertida nunha das citas clásicas do verán pontevedrés. Nesta ocasión, 13 postos distintos, situados no Paseo de Odriozola, ao carón da Praza da Ferraría, ofrecerán produtos artesanais de primeira calidade. Alén de sinaturas pontevedresas e galegas, a feira contará tamén con artesáns procedentes de Albacete, Asturias, e Almería.
A concelleira María José Abilleira estivo presente na inauguración da Feira este mércores, aproveitando para saudar a todos os participantes na mesma. «Desde o Concello de Pontevedra estamos encantados de poder darlles a benvida a todos e todas as artesás que participan nesta Chalana», indicou. «Ademais de por en valor os produtos como tal tamén pon en valor os espazos onde se desenvolven e crean. Para nós é un orgullo seguir promovendo este tipo de iniciativas que dinamizan o movemento económico e enchen de vida os espazos públicos».
Pola súa banda, Xosé Tristán, coordinador da Feira de Artesanía, indicou que este ano a teceduría terá un protagonismo de seu, con exibición ao vivo deste oficio. «Sempre hai moita expectación coa Chalana. É unha feira importante, variada, ben adaptada e accesíbel. Sempre funciona moi ben», explicou.
A Chalana forma parte do programa oficial das festas do verán, e estará aberta até o vindeiro 6 de agosto. O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 horas, e de 19.00 a 22.00 horas.
Expositores:
- Amorei (xoiería de Arcade)
- Llue Vidrio (vidro de Asturias)
- Xacarandá (taller de xoiería de Pontevedra)
- Mario López (xoiería cerámica de Vigo)
- Cuaderna Maestra (teceduría de Pontevedra)
- Os Alegres (obradoiro de instrumentos tradicionais de Mourente)
- Montse Betanzos (coraleira do Grove)
- Chueco (traballo co coiro da Coruña)
- Magma (reciclado de botellas de Pontevedra)
- Coiro Tres Pés (traballo co coiro de Campañó)
- Aloe Plant (cosmética artesá desde Almería)