Entre o 14 e o 16 de xullo, Pontevedra encherá as súas rúas cos sons da gaita e as pandeiretas nunha cita cultural e festiva que se achega xa ao cuarto de século de vida
A XXI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais volverá estar situada no Paseo de Antonio Odriozola, de 17 a 21.30 horas o venres, e de 11.30 a 14 horas e de 17.30 a 21.30 horas na fin de semana
Ás portas de cumprir o cuarto de século lembrando e elevando a figura do gaiteiro de Viascón, o Memorial Ricardo Portela é unha das máis clásicas citas do verán da Boa Vila. O Pontevedra Verán Fest segue a contar cun programa que pon a música tradicional no centro, organizado desde a Asociación de Gaiteirxs Galegxs (AGG) en colaboración co Concello de Pontevedra.
Así, desde o venres 14 e até o domingo 16, a praza da Ferraría será epicentro dun movemento musical e cultural que encherá de melodías as rúas da cidade. O edil de Festas, Demetrio Gómez, sinala que «o verán continúa a avanzar ao tempo que o fai o programa das festas». «Levamos sen parada desde a Festa dos Libros e agora é o momento da música tradicional con actuacións, con pasacalles, coa mostra de instrumentos… É o momento do Memorial Ricardo Portela, unha actividade que está máis que asentada na nosa cidade e que fai que sexamos recoñecidos pola mesma fóra de aquí».
Gómez estivo acompañado na presentación da cita do vicepresidente da AGG, Oli Xiráldez, e do vocal da mesma, Alberto Pires.
Pires destacou a transformación do Memorial Ricardo Portela «nun referente para toda Galiza», amosándolle o seu agradecemento ao Concello á hora de poder seguir apostando polo mantemento da cita. O artesán de gaitas pontevedrés sinalou que este ano, alén de rememorar a figura de Ricardo Portela, a homenaxe anual recaerá en Concepción Rodríguez Álvarez, tamén coñecida como Concha de Luneda.
«Concha naceu en Arbo e morreu en Luneda, na Cañiza. Foi unha grandísima portadora de cantigas e unha grande informante, nomeada por moitísimos grupos e moitísima xente que se adica á música tradicional», explicou Pires. «Tiña un xeito moi característico de tocar o pandeiro e a pandeireta; cantaba, ademais, moi ben. Grazas a ela moitísimas coplas chegaron até nós. Ademais, foi un exemplo de muller valente e loitadora ao longo de toda a súa vida, e ben podémola ter como referente dentro das mulleres galegas que deixan pegada neste país»..
O programa completo de actividades é o seguinte:
XXI Mostra de Artesáns de Instrumentos Tradicionais – Venres de 17.00 a 21.30 horas. Sábado e domingo de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 21.30 horas no Paseo de Antonio Odriozola
Venres 14
17.30h – Pasacalles de Armandas de Laraño, Gaiteiros das Rías Baixas, Millarancos e Músicas da Redonda
21.00h – Concerto de Lagharteiras na Praza da Ferraría
Sábado 15
11.30h e 18.00h – Pasacalles de Ansuiña, Candaira, Cántigas e Frores, e Picuiña – Prazas e rúas da cidade
21.00h – Homenaxe a Concha de Luneda na Praza da Ferraría
Domingo 16
11.30h e 18h – Pasacalles de Aires do Coutado, Boudebou, Os Outros Feirantes e Seimeira polas rúas e prazas da cidade
21.00h – Concerto de Os Folieiros na Praza da Ferraría