O Concello creará unha nova oficina específica para a xestión e tramitación de fondos europeos 

O alcalde sinalou esta decisión como un «reforzo necesario» co obxectivo de garantir a chegada e utilización destas axudas 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, deu conta en rolda de prensa da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá de venres. Alén de tramitacións regradas, o rexedor quixo subliñar na súa intención, logo de vinte días despois do seu nomeamento, que quere «comezar unha nova etapa co maior impulso posíbel e con maior coordinación no Goberno».

Dentro dese marco, Lores informou da decisión de crear un programa temporal de xestión e tramitación de fondos europeos, unha tarefa complexa e esixente, que mesmo provocou certa conxestión nalgúns servizos municipais. «Quero agradecer expresamente o traballo dos nosos funcionarios nestes servizos, que chegaron a ter un traballo acumulado extra e que lograron sacar adiante», sinalou o rexedor.

O programa durará, en principio, catro anos. Serán contratadas tres persoas —un técnico do grupo A, un enxeñeiro e un administrativo— para a xestión dos fondos concedidos, que van a través de oito liñas diferentes: reforzo dos equipamentos municipais, zonas de baixas emisións, fondos de nova xeración para vivendas ou eficiencia enerxético, entre outras.

A contratación do persoal será iniciada de inmediato co fin de crear esta nova oficina específica que poida centrarse na tramitación destes fondos. «Valoramos moi positivamente o logrado até agora. Temos, en EDUSI, unha execución por riba da media do Estado», indicou Lores. «Non quita iso que sexamos conscientes de que precisamos un reforzo importante para garantir a tramitación destes fondos».

Compartir publicación: