O concelleiro responsable da área de servizos urbanos básicos, César Mosquera desvelou hoxe que a licitación non se pode realizar á espera deste informe do proxecto de execución que non se sabe si é favorable ou desfavorable.
O proxecto básico xa recibiu a autorización de Patrimonio en marzo de 2021, e dende xaneiro de 2022 o Concello agarda a autorización do proxecto de execución.
O Concello de Pontevedra está a espera dende fai un ano e medio da autorización da Dirección xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia para licitar a reforma da rúa Santiña. Así o confirmou esta mañá o concelleiro da área de servizos urbanos básicos, César Mosquera quen asegurou que “se trata dun atranco difícil de entender”. Desvelou que Patrimonio non contesta a si o proxecto “cumpre ou non cumpre, e levamos meses así”.
O Concello de Pontevedra recibiu a autorización ao proxecto básico de reforma da Santiña en marzo de 2021 indicando que será preciso realizar unha cata arqueolóxica durante a obra, e o 13 de xaneiro de 2022 remitiu o proxecto de execución sen obter resposta a día de hoxe.
O concelleiro responsable dos servizos urbanos tamén desvelou que o alcalde ten intención de poñerse en contacto co conselleiro de Cultura para abordar esta situación que está atrasando en exceso a reforma da rúa.
César Mosquera confía en que “se resolva canto antes e poder facer esta actuación, porque hai situacións que chegan até o moño”.
A reforma da Santiña
A reforma da rúa da Santiña ten un orzamento de execución de 1.804.914 euros e quere mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da rúa, ademais de continuar coa reforma do Camiño de Santiago portugués a Compostela que superou os 130.000 peregrinos en 2022.
A intervención está pensada en dous tramos: o primeiro, entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade terá un carácter máis urbano debido á presenza de bloques de vivendas; e o segundo, cun carácter máis rural, ata o cruzamento coa rúa da Gándara.
A nova Santiña terá un pavimento en formigón continuado en toda a rúa para unificar a intervención. Disporá de arborado para facer máis brando percorrido. Terá mobiliario urbano como bancos, cadeiras e conservará a fonte existente. A iluminación será a través de báculos e farois suxeitos en fachadas.
Un dos traballos principais da obra será a substitución de todos os servizos soterrados da rúa: abastecemento, saneamento, servizo eléctrico, gas e telecomunicacións.
Tamén cabe lembrar que o Concello de Pontevedra vén de recibir unha subvención por parte da Unión Europea para a creación de Zonas de Baixas Emisións (ZBE) na que estaba incluído o proxecto da rúa Santiña, que financiará con 1.606.500 euros.