Poderán ser solicitadas desde a súa publicación no BOP e poderán cubrir até 15.000 euros da actuación proxectada ou xa iniciada, dependendo da contía da mesma.
A Xunta de Goberno Local aprobou unha nova convocatoria para o ano 2023 de axudas á actuacións de rehabilitación de edificios e vivendas nos ámbitos de Estribela e do conxunto histórico de Pontevedra.
Son axudas á rehabilitación de edificios de uso residencial e vivendas, e para a rexeneración e renovación urbana en determinados barrios ou contornas urbanas, delimitado polo Entorno Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP). Estas subvencións pertencen aos fondos NextGenerationEU da Unión Europea, que están sendo xestionadas pola Xunta de Galicia logo da distribución realizada entre as comunidades autónomas polo Ministerio de Transporte y Movilidad Sostenible no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia do Goberno do Estado.
Os fondos utilizados por estas axudas, que chegan até os 212.316 euros no caso da casco histórico, e até 63.648 en Estribela; son remanentes do Plan Estatal 2013-2016 que se foi prorrogando ao longo dos últimos anos.
As nomeadas axudas poderán ser solicitadas durante un mes desde a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, cubrindo actuacións xa iniciadas ou proxectadas —se ben, en calquera dos dous casos, deberán estar rematadas antes do mes de decembro—, baixo ningún concepto nas xa rematadas. En total, o solicitante poderá beneficiarse de até 15.000 euros no casco histórico e até 12.000 euros en Estribela. Tal e como sinalan os servizos técnicos, as actuacións deben ter un carácter pequeno ou mediano.
Ademais, as axudas están restrinxidas a vivendas (non a negocios) cun uso habitual por parte do propietario, e no caso de que sexa para alugueiro, este deberá ser convencional, e non para vivenda turística ou estacional.