- O programa deseñado pola Concellería de Igualdade, que se desenvolverá entre os días 12 e 17 de xuño, inclúe o despregue da instalación artística ‘Tecendo Diversidades’ no balcón da Casa da Luz, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos, unha manifestación coa lectura dun manifesto e unha homenaxe a Juan Ucha Villaverde, ‘Juanito o Meregildo’, veciño de Pidre (Cerponzóns) que sufriu a represión, os abusos e a intolerancia dunha sociedade que non aceptaba a disidencia sexual
- Entre as actividades tamén se contemplan palestras de Autodefensa Persoal e Lei Trans e Acoso Escolar LGBTIfóbico; encontros sobre Saúde Sexual, Persoas Discas na Comunidade LGBTIQA+ e Persoas Queer e Deporte, e Contos de Cores para a rapazada de 4 a 10 anos
Máis de 280.000 persoas LGBTIQA+ sufriron agresións en España durante os últimos cinco anos e preto do 30% do colectivo padeceu algún tipo de acoso pola súa orientación sexual ou identidade de xénero, segundo os datos da Federación Estatal de Lesbianas, Gais, Trans, Bisexuales, Intersexuales e máis (FELGTB). Só dúas de cada dez persoas agredidas denunciaron. Baixo o lema ‘Tecendo diversidade contra a violencia’, o programa deseñado pola Concellería de Igualdade para conmemorar a semana do Orgullo 2023 quere reivindicar este ano a importancia de tecer redes de axuda e de apoio contra esta violencia, creando espazos seguros para todxs, reclamando os dereitos do colectivo e facéndolle fronte aos novos e vellos discursos de odio.
Un programa que se desenvolverá entre o luns 12 e o sábado 17 de xuño e que incluirá o despregue da instalación artística ‘Tecendo Diversidades’ no balcón da Casa da Luz, unha xornada de Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos, unha manifestación que discorrerá entre as prazas do Hospital Provincial e de España e que rematará coa lectura dun manifesto e un acto de homenaxe a Juan Ucha Villaverde, ‘Juanito o Meregildo’, veciño de Pidre (Cerponzóns) que sufriu a represión, os abusos e a intolerancia dunha sociedade que non aceptaba a disidencia sexual. Entre as actividades tamén se contemplan palestras de Autodefensa Persoal e Lei Trans e Acoso Escolar LGBTIfóbico; encontros sobre Saúde Sexual, Persoas Discas na Comunidade LGBTIQA+ e Persoas Queer e Deporte, e Contos de Cores para a rapazada de 4 a 10 anos.
“A xente nova con menos recursos económicos e a mocidade son as máis proclives a sufrir delitos de odio. Case catro de cada dez menores de 30 anos sufriu acoso e discriminación por ser LGBTIQA+ e, segundo a Asociación Internacional de Lesbianas, Gais, Bisexuais, Trans e Intersex (ILGA), o 2022 foi ano máis violento para o colectivo de todo o milenio. Contra esta violencia: orgullo e memoria! Cómpre reivindicar ás persoas que nos precederon na loita pola visibilidade e a dignidade do colectivo”. Deste xeito subliñou hoxe a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, os principais aspectos que, ao longo da vindeira semana, o Orgullo 2023 pretende visibilizar e reivindicar.
No marco dun acto de presentación celebrado na Sala de Prensa do Concello e no que se deron a coñecer o cartel e o calendario completo de actividades, Blanco explicou que “o programa porase en marcha o luns 12 de xuño coa presentación da instalación artística ‘Tecendo Diversidades’ no balcón da Casa da Luz (ás 11:00 horas) e cun acto de homenaxe na Praza da Peregrina a ‘Juanito o Meregildo’ a cargo da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e dos colectivos de Familias de Menores Trans ‘Arelas’ e Avante LGBT+ Pontevedra (18:00 horas)”. “Juan Ucha Villaverde (Pontevedra 1923-2007) -indicou a concelleira- foi un veciño de Pidre que vendía froita e ovos polos mercados e na Praza de Abastos de Pontevedra. Homosexual recoñecido e orgulloso, sufriu a represión, os abusos e a intolerancia dunha sociedade que non aceptaba a disidencia sexual. Afable e divertido, emprendedor e bo veciño, aturou desde ben pequeno todo tipo de mofas e aldraxes por ser gai e afeminado. Respondía aos insultos con piropos e nunca deixou de ser nin finxiu non ser”.
Tamén o luns 12 ás 19:30 horas terá lugar na Facultade de Belas Artes (Sala O abrigo, antiga cafetería) unha palestra de Autodefensa Legal e Lei Trans, impartida por Miguel Vieito, xurista e investigador en Dereito Sanitario e Bioética e Dereito Antidiscriminatorio. Neste mesmo escenario de Belas Artes celebrarase o martes 13 de xuño ás 19:30 horas unha palestra centrada en Acoso Escolar LGBTIfóbico a cargo de Miguel Calvo, psicólogo, orientador educativo e membro da xunta coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, e o mércores 14 de xuño un encontro sobre Saúde Sexual con Hadrián Pernas, médico e membro de AVANTE LGBT+ Pontevedra.
O programa de actividades continuará o xoves 15 de xuño ás 19:30 horas no Centro Social A Pedreira (rúa Serra, 36, baixo) cun encontro sobre Persoas Discas na Comunidade LGBTIQA+, con Max Suárez, de Arelas, e Nee Barros e Daniel Jorge, de Avante LGBT+; e o venres 16 de xuño ás 18:00 horas na Libraría Seijas coa actividade infantil para nenos e nenas de 4 a 10 anos Contos de Cores, con Alba Blanco, para que a que poderán reservarse prazas no email libreriaseijas@yahoo.es. O venres ás 19:30 horas o Centro Social A Pedreira acollerá un encontro sobre Persoas Queer e Deporte, con Dylan Núñez e Alicia Arruti, de Arelas, e Marta Colón, de Roller Derby Galicia.
O colofón chegará o sábado coa manifestación e unha festa no Gafos con sesión vermú, Xantar Colorido, cabaré e sesión noite con música de varios DJ
Segundo avanza a concelleira de Igualdade, “o colofón desta semana de celebración e reivindicación chegará o sábado 17 de xuño cunha Festa do Orgullo que terá como epicentro o parque dos Gafos e que se desenvolverá durante toda a xornada, ata ben entrada a noite, e cunha manifestación que dará comezo ás 20:00 horas e que, baixo o lema ‘Tecendo Diversidades contra a Violencia’, sairá da Praza do Hospital Provincial e rematará na Praza de España, onde se fará lectura do manifesto deste ano”. “A Festa do Orgullo -precisou Yoya Blanco- iniciarase ás 13:00 horas con música de ambiente que dará paso a unha sesión vermú amenizada por Projecto Mourente (14:00 horas) e a un Xantar Colorido no que haberá postos de venda de comida e bebida (desde as 15:00 horas). A partir das 16:00 horas teremos obradoiros de pintura e confección de chapas, así como os contacontos para público familiar ‘Diversamente Iguais, a cargo de Cris de Caldas. Posteriormente, desde as 17:00 horas, haberá unha sesión tardeo co cabaré de Marinita y sus Maromas e con O Rabelo. Unha sesión noite cos DJ Palito, Gorllitoxx e Cayazzo pechará a xornada entre as 22:00 e a 1:00 horas”.
A concelleira aproveitou a ocasión para amosar a súa intención de que o Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (Cides) teña continuidade nos vindeiros catro anos: “Atopámonos nun proceso de licitación, elaborando agora mesmo os pregos… Cremos que este centro, aberto neste mandato pola miña compañeira Paloma Castro, ofrece unha atención especializada moi demandada por colectivos como Arelas”.
Durante o acto de presentación, Yoya Blanco puido estrear un dos flamantes abanos coa bandeira LGBTIQA+ que se distribuirán nas diferentes actividades organizadas para este Orgullo 2023 (arredor dun milleiro).
CALENDARIO DE ACTIVIDADES:
Luns 12 de xuño
11.00 h
PRESENTACIÓN DA INSTALACIÓN ARTÍSTICA «TECENDO DIVERSIDADES» no balcón da Casa da Luz
18:00 h
Praza da Peregrina
HOMENAXE A JUAN UCHA VILLAVERDE «JUANITO O MEREGILDO» a cargo da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns, Asociación de Familias de Menores Trans Arelas e AVANTE LGBT+ Pontevedra
19:30 h
Facultade de Belas Artes (Sala O abrigo, antiga cafetería)
Palestra AUTODEFENSA LEGAL E LEI TRANS con Miguel Vieito, xurista e investigador en Dereito Sanitario e Bioética e Dereito Antidiscriminatorio
Martes 13 de xuño
19.30 h
Facultade de Belas Artes (Sala O abrigo, antiga cafetería)
Palestra ACOSO ESCOLAR LGBTIFÓBICO con Miguel Calvo, psicólogo, orientador educativo e membro da xunta coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia
Mércores 14 xuño
19.30 h
Facultade de Belas Artes (Sala O abrigo, antiga cafetería)
Encontro sobre SAÚDE SEXUAL con Hadrián Pernas, médico e membro de AVANTE LGBT+ Pontevedra
Xoves 15 xuño
19.30 h
Centro Social A Pedreira (Rúa Serra, 36, baixo)
Encontro sobre PERSOAS DISCAS NA COMUNIDADE LGBTIQA+ con Max Suárez de Arelas e máis Nee Barros e Daniel Jorge de AVANTE LGBT+
Venres 16 de xuño
18.00 h
Libraría Seijas (Avda. de Vigo, 13)
CONTOS DE CORES, con Alba Blanco
Actividade infantil (4 a 10 anos)
Reservas de praza en libreriaseijas@yahoo.es
19.30 h
Centro Social A Pedreira (Rúa Serra, 36, baixo)
Encontro sobre PERSOAS QUEER E DEPORTE con Dylan Núñez e Alicia Arruti de Arelas e Marta Colón de Roller Derby Galicia
Sábado 17 de xuño
FESTA DO ORGULLO 2023
Parque dos Gafos
13.00 h
Previo SESIÓN VERMÚ con música (de moito) ambiente
14.00 h
SESIÓN VERMÚ con Projecto Mourente
15.00 h
XANTAR COLORIDO. Haberá postos de venda de comida e bebida
16.00 h
OBRADOIRO «PINTA E COLOREA». Ven facer o teu cartaz para a Manifestación do Orgullo 2023!
OBRADOIRO «DÁME A CHAPA». Fai as túas propias chapas coloridas e lúceas con orgullo!
SESIÓN DE CONTOS «DIVERSAMENTE IGUAIS» para público familiar a cargo de Cris de Caldas
** BIBLIOTECA COLORIDA. Durante toda a xornada diúrna contaremos cunha selección de títulos infantís e xuvenís de temática LGBTIQA+ á disposición das familias
SESIÓN TARDEO
17.00 h
Marinita y sus Maromas. Cabaré
18.00 h
O Rabelo
20.00 h
MANIFESTACIÓN ORGULLO 2023: TECENDO DIVERSIDADES CONTRA A VIOLENCIA
Saída da praza do Hospital Provincial e remate na Praza de España coa lectura do manifesto
SESIÓN NOITE
22.00 h Palito DJ
23.00 h Gorllitoxx DJ
00.00 h Cayazzo DJ
1.00 h Fin de festa